O Gondomar vence e convence ante o Tebra e xa está en postos de ascenso

Gran encontro o que presenciaron os siareiros de Tebra e Gondomar nas Gaiandas, que respondían á chamada do derbi entre ambos conxuntos. Antes de iniciar a contenda, houbo un minuto de silencio pola muller de Nacho Troncoso, presidente do Cereixa FS, tristemente finada a pasada semana.

Na primeira metade os locais controlaron o encontro ante un rival con moito empuxe, e que estaba moi ben plantado no terreo de xogo. Os homes de Cardoso competían cada acción e deixaban ás claras, que non lle ían poñer as cousas doadas aos de Víctor Santos. De feito, os dous primeiros achegamentos a portería foron visitantes. Se ben co paso dos minutos o Gondomar empezou a mandar, pero sen ocasións moi claras sobre a meta do Tebra. A balón parado puido abrir o encontro Marcelo, tras o saque dunha falta ao borde da área da meta de Juan. Así as cousas e con moito mediocampismo, chegouse ao descanso co marcador inicial, logo dalgunha ocasión para os homes de Santos, que nos derradeiros quince minutos da primeira metade, puideron abrir o marcador.

Na segunda metade o Gondomar fíxose amo e dono, con protagonismo para os xogadores en todas as liñas. A electricidade dos homes de arriba puxo unha marcha máis, e empezaron a caer os goles. O primeiro sería de Antón Cabado, que tras unha boa xogada grupal e un detalle de calidade individual, abriu a lata para os seus. Logo vería unha acción con dobre pau, un deles traveseiro, no acoso do Gondomar sobre a meta visitante. Pablo Ozores ampliaría a renda, e Dani Cabezas poría o 3-0 definitivo, aínda que Rafa, Mario e Marcelo, puideron anotar máis goles. Tres importantes puntos que serven para entrar en zona de ascenso directo. A vindeira semana o Gondomar desprazarase ás Cercas para medirse noutro derbi local, ao Gondomar FB.

FICHA TÉCNICA

Gondomar CF: Sebas, Javichu, Marcelo, Carlitos, Dani Cabezas, Antón Cabado, Álex Oya, Pablo Ozores, Diego Casaleiro, Xabi Pereiro e Sergio Ramilo. Tamén xogaron Romero, Brais Pazos, Pablo Gul, Rafa e Mario.

Tebra FC: Juan, Yoni, Borre, Rubén, Bojan, Berto, Dani Barbosa, Dani, López, Pedro e Manu. Tamén xogaron Velasco, Tévez, Otero, Jose e Migui.

Goles: 1-0 Antón Cabado 46´, 2-0 Pablo Ozores 55´e 3-0 Dani Cabezas 85´.

Árbitro: Sergio Iglesias González, do colexio de Vigo. Amoestou pola nosa parte a Antón Cabado, Dani Cabezas e Marcelo, e pola parte visitante a Dani Barbosa.

Incidencias: Partido disputado no Campo de As Gaiandas, ante unhas 300 persoas, nunha tarde no que o tempo deixou algunha pinga. Nos prolegómenos do encontro, gardouse un respectuoso minuto de silencio polo pasamento da muller de Nacho Troncoso, presidente do Cereixa FS.

Anuncios