Sin categoría

Panxón celebra as festas de San Xoán e da Virxe do Carme

A parroquia nigranesa de Panxón celebra esta fin de semana as festas na honra de San Xoán Bautista e da Virxe do Carme. O venres 23 de xuño a programación prevista comezará ás 10:30 da mañá cun percorrido polos barrios cun grupo de gaitas. Pola noite, a partir das 22:00 horas, o grupo América S.L. e a orquestra Metrópolis amenizarán a verbena. Ás 00:00 horas terá lugar o acendido das tradicionais cacharelas.

O sábado día 24 ás 19:00 horas a Banda de Cornetas e Tambores da Brilat ofrecerá un concerto. Ás 20:00 horas comezará a Misa Solemne na honra de San Xoán Bautista cantada polo Coro Stella de Panxón, seguida de procesión acompañada pola Banda da Brilat. Pola noite, a partir das 22:30 horas, a verbena estará amenizada polos grupos Conexión e La Banda de Ayer.

O domingo 25 de xuño ás 11:00 da mañá fará entrada e pasarrúas a Agrupación Musical de Vincios, que ofrecerá un concerto no porto ás 12:00 do mediodía. Ás 20:30 arrancará a verbena coa orquestra La Oca Band. Ás 21:30 horas celebrarase a Misa Solemne na honra da Virxe do Carme cantada pola Coral Polifónica “Novos Aires” de Nigrán, seguida de procesión pasando polo porto acompañada pola Agrupación Musical de Vincios, con gran tirada de fogos de lucería. Ao remate continuará a verbena.

O Concello de Nigrán colabora un ano máis coa programación festiva de San Xoán en Panxón, os anos pasados organizándoa directamente ao non terse constituído comisión de festas e este a través do programa municipal “Música nas Parroquias”. Así, un ano máis o consistorio xestionou a actuación da Banda de Tambores e Cornetas da Brilat o sábado 24 ás 19:00 horas. Por outra banda, achega a través do programa “Música nas Parroquias” da Liña 2 do Plan Concellos da Deputación 4.000 €.

Os postos de venda e as atraccións volverán tamén a Panxón despois da ausencia dos pasados anos.