Reparto de puntos no primeiro derbi galego da Superdivisión

O AD Vincios Gondomar comezou a tempada cun empate (3-3) no derbi galego ante o Arteal TM de Santiago nun partido de alto nivel e moi disputado de principio a fin, entre dous equipos que este ano disputan a Competición Europea. Empezou o encontro entre o xogador local de orixe chinés Zhao Tiaming e o portugués do Arteal TM Enio Mendes. Dous estraños primeiros sets gañados con extrema facilidade por cada un dos xogadores deron paso a dous xogos tremendamente igualados que se resolveron por vantaxes a favor do xogador do equipo santiagués, quen soubo dominar co seu saque os momentos craves do partido, conseguindo así estrear o marcador da tempada para o Arteal TM.

No segundo encontro enfrontáronse André Silva (AD Vincios Gondomar) fronte a Humberto Manhani (Arteal TM). Partido igualado desde o primeiro set e con altísima intensidade que caeu pola mínima (3-2) do lado do xogador local quen, a pesar de certa irregularidade e dificultades no resto nalgúns momentos, demostrou enorme competitividade e garra para poñer a igualdade no marcador xeral. No terceiro encontro a afección celebrou a saída a pista do canteirán Martín Pintos para enfrontarse ao seu ex compañeiro Moisés Álvarez. A pesar do bo facer do xogador de casa, a maior experiencia do xogador do Arteal e o seu gran servizo decantaron os tres sets pola mínima do seu lado e adiantaron aos santiagueses.

Co marcador 2-1 a favor do Arteal TM, xogaron Zhao e Humberto Manhani. A pesar de poñerse o xogador do Arteal TM por diante dous sets a un, o xogador do AD Vincios Gondomar soubo manter a calma e sacar o seu mellor xogo para acabar gañado 3-2 e devolver a igualdade ao marcador xeral. Volveu a pista o canteirán Martín Pintos para enfrontarse ao portugués Enio Mendes. O gondomarés saco a súa mellor versión e adiantouse 2 sets a 1 no marcador. Con todo, o xogador portugués demostrou que é un dos grandes nomes da liga e coa súa enorme experiencia conseguiu dar a volta ao partido e acabar gañando no 5° set tras remontar un 9-8 adverso.

Con 3-2 no marcador, enfrontáronse no último partido André Silva con Moisés Álvarez. O xogador local fixo gala da súa tremenda combatibilidade para acabar gañando 3-1 un partido no que en todos os sets comezaba a remolque do xogador andaluz do Arteal. Tras 4 horas de partido de altísimo nivel que fixo as delicias do público asistente, o empate a 3 contentos a ambos os equipos vista a igualdade do derbi galego.

2019-09-28 - 20190927_202259

Anuncios