Medio cento de voluntarios limparán este domingo o Esteiro da Foz en Nigrán

O Concello de Nigrán súmase por quinto ano consecutivo o domingo 29 de setembro ao “Proxecto Ríos”, coordinado pola asociación ecoloxista Adega e que nesta ocasión se centrará no Esteiro de A Foz, desembocadura do río Miñor. Trátase da XII Limpeza Simultánea “Móllate polos ríos” e terá lugar en ríos que atravesan medio cento de municipios de Galicia e sempre grazas ao labor de grupos de voluntarios, xa que se trata dunha iniciativa educativa que busca a concienciación social.

Os interesados en participar deben inscribirse previamente a través do mail atencioncidada@nigran.org (indicando o nome e teléfono de contacto) ou na Oficina de Información Cidadá do Concello de Nigrán (986 365000) e presentarse o domingo 29 ás 11:00 horas no auditorio ao aire libre da Foz (onde se celebra o Nigranjazz). O Concello facilitará camisetas conmemorativas á xornada, bolsas e luvas, recomendándose levar botas de auga pese a que se realizará durante a marea baixa. A xornada alongarase durante hora e media aproximadamente finalizando cunha pequena merenda.

O Concello de Nigrán participa nesta xornada dende o ano 2015 baixo a iniciativa do goberno local. Dende entón, grazas o labor dunha vintena de voluntarios, téñense retirado do esteiro de A Foz algo máis de dúas tonelada de lixo, principalmente botellas de vidro e material de construción e pesca, pero tamén tixolas, paraugas, cadeiras, xoguetes…

“Este é un día de sensibilización e concienciación medioambiental no que se pon de manifesto a necesidade da correcta xestión dos residuos ao tempo que amosamos que as pequenas accións valen moito”, subliña o alcalde, Juan González.

O Proxecto Ríos é un programa de Educación e Voluntariado Ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.