Os tres patinadores galegos que ao longo desta semana competiron na Copa de Europa de Patinaxe Artística, que se celebra en Roana (Italia), conseguiron subir ao podio e colgarse unha medalla na categoría Infantil, con Unai Cereijo logrando a de ouro e Joel Ribeiro e María Grela a de prata. Este resultado vén referendar unha vez máis o bo traballo realizado, materializado nunha proba internacional cunha brillante actuación de todos eles coa selección nacional.
Tanto Unai como Joel xa concluían o programa curto disputado o martes na primeira e segunda posición respectivamente, e que ambos conformaron tras a celebración do libre onte mércores, 25 de setembro. No que respecta a María, o libre permitíalle gañar unha posición e facerse coa medalla de prata, tras concluír o curto na terceira praza.
Joel Ribeiro, con tan só 11 anos, conseguiu unha gran traxectoria á beira do seu adestrador David Figueroa. Cabe lembrar que este patinador do Club Patinaxe Artística Gondomar conseguiu unha importante posición ata a actualidade. No ano 2018 o gondomareño xa conseguiu ser subcampión de Europa ostentando actualmente na presente tempada o título de campión galego na súa categoría.


