Nigrán recoñecerá o estado de emerxencia climática

O goberno de Nigrán presentará unha proposta no vindeiro pleno ordinario do luns 30 de setembro para recoñecer o estado de emerxencia climática e tomar as medidas correspondentes que se poidan adoitar dende o Concello. A moción parte de Amigos da Terra, organización pertencente á Alianza pola Emerxencia Climática.

Así, ademais do recoñecemento da situación, entre os compromisos que asumirá o Concello están a redución dos gases de efecto invernadoiro ata chegar ao balance neto 0 en 2040, abandonar progresivamente os combustibles fósiles, promover o uso das enerxías renovables…

Dende o Concello de Nigrán quérese alertar tamén de que o planeta, así como os seres vivos e os ecosistemas, atópanse en grave perigo, sendo proba diso os recentes informes sobre o estado da biodiversidade do IPBES e sobre o quecemento global de 1,5 ºC do IPCC, que advirten dun rumbo que leva á extinción dunha gran parte dos ecosistemas terrestres. Un millón de especies están ameazadas pola actividade humana. O punto de non retorno fronte ao cambio climático aproxímase, non podemos pechar a xanela de oportunidade para tomar as medidas fundamentais requiridas. Non dar resposta á actual crise eco-social suporía a morte de millóns de persoas, e a extinción de especies imprescindibles para a vida na Terra.

Nese sentido, instamos a que se acepten as evidencias científicas, e sexan recoñecidas de maneira pública. Reducir as emisións e pór en marcha medidas de adaptación son as únicas maneiras para protexer o noso futuro e o dos actuais ecosistemas. A cidadanía debe de entender a urxencia e irreversibilidade desta loita e os concellos deben desempeñar un papel clave na formación, educación e información sobre o necesario freo ás emisións e vital adaptación ás consecuencias do incremento da temperatura global.

Declarar a emerxencia climática require asumir o cumprimento de compromisos políticos reais e vinculantes, establecer os compromisos políticos, normativas e recursos necesarios para garantir reducións de gases de efecto invernadoiro para chegar ao balance neto cero non máis tarde de 2040 e se é posible antes de 2035, así como deter a perda da biodiversidade e restaurar os ecosistemas como única resposta posible para evitar un colapso de todos os sistemas naturais, incluído o humano. Tamén abandonar os combustibles fósiles, apostando por unha enerxía 100 % renovable de maneira urxente e prioritaria. Para iso os gobernos municipais deben analizar como lograr este obxectivo e propor os plans de actuación necesarios, entre outros, frear novas infraestruturas fósiles, alcanzar o pleno autoconsumo eléctrico 100% renovable e unha mobilidade sustentable canto antes, crear espazos peonís, fomentar a bicicleta e outros medios de transporte non contaminantes, reducir a demanda de enerxía até consumos sustentables, promover o aumento da eficiencia enerxética e das instalacións renovables, crear espazos educativos e a información á poboación sobre a emerxencia climática, alcanzar unha política de residuo 0.