En Pontevedra, Bizkaia, Barcelona e Palencia o Club Ciclista Rías Baixas terá representación durante este fin de semana. A entidade presidida por José Luis Chamorro divídese para buscar éxitos por toda a Península Ibérica. A atarefada axenda da formación miñorán arrancará este venres na estrea da Bizkaia 3E.
Esta proba para corredores sub23 celebra a súa primeira edición con tres etapas en liña. O cartel do seu bautizo conta con moitos dos mellores equipos da categoría e o Club Ciclista Rías Baixas acode a terras vascas cun “sete” formado por Adrián Escobar, Rafael Pereira, Sergio Álvarez, Ignacio Zamanillo, Jaime Guzmán, Antonio Barbeiro e Gonzalo Cubino, este último en calidade de cedido.
Outra competición puntuable para o ránking da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC) se disputará o domingo na provincia de Barcelona. O Gran Premi Odena é unha das clásicas do calendario amateur catalán e dous ciclistas da estrutura do Val Miñor, Francesc Zurita e Jaume Bonnin, non se perderán a súa 69ª edición.
Ese mesmo día o Trofeo Santiago alcanza a súa XXVI edición na provincia de Palencia. Antonio “Chava” Angulo preséntase como un dos principais candidatos ao triunfo e estará acompañado por tres corredores do conxunto dirixido por Iván Rodríguez: Jorge González, Iván Arribas e Cristian Cuervo.
A nivel autonómico, este sábado pola tarde terá lugar en Pontevedra a segunda edición do Gran Premio Rogelio Acuña. O ciclista local Óscar Justo e o surafricano Eddie Van Heerden defenderán as cores do Club Ciclista Rías Baixas no circuíto de 1,7 quilómetros, con saída e chegada na Praza de España da capital da provincia.

