O goberno de Gondomar, coincidindo coa celebración da folga mundial do clima, poñerá en marcha mañá venres diferentes iniciativas para trasladar aos veciños a necesidade da súa implicación na defensa do medio ambiente. Gondomar adheriuse á declaración de emerxencia climática adquirindo, entre outros, o compromiso de iniciar “o proceso de formación e concienciación social para así iniciar e avanzar no proceso de transformación social”.
Neste sentido deseñouse unha programación dirixida ás novas xeracións por entender que a súa implicación e sensibilización é fundamental para facer realidade un futuro sustentable para o noso planeta. Así se convidou aos colexios do municipio para promover este venres a “merenda sen residuos”. O seu obxectivo é o de ensinar e concienciar aos máis pequenos (e de forma indirecta aos seus maiores) sobre a posibilidade de reducir, con pequenos xestos diarios, o uso de materiais que están a incidir negativamente no noso medio ambiente.
Desta maneira convídaselles a substituír os envoltorios de papel aluminio ou plástico dos bocadillos por sandwicheras ou tuppers; levar botellas reutilizables, como as cantimploras; ou, evitar o uso de envases plásticos desechables. Iniciativa que se sumará ás actividades que durante a semana poidan estar a desenvolver os centros educativos ao redor desta xornada.
Ademais, ás 21:00 horas, na Praza da Paradela, celebrarase unha sesión de cine ao aire libre, coa proxección da película “Lorax. En busca de la Trúfula perdida”, cinta cunha mensaxe clara sobre a necesidade de defender a nosa natureza e as consecuencias que ten o non facelo. Previamente emitirase o vídeo #NatureNow, de Greta Thunberg, promotora das mobilizacións polo medio ambiente ao longo e ancho do mundo.
O Concello publicará un bando municipal no que se lembra que “un millón de especies están ameazadas pola actividade humana e que estamos ao bordo do punto de non retorno fronte ao cambio climático”, polo que é precisa a implicación de todos e todas nesta loita. O texto recolle o apoio da corporación municipal ás diferentes mobilizacións e actos que se convoquen durante a xornada.

