O proxecto de comunicación do equipo olímpico español de vela, Premio Mariano Aguado de Comunicación

O proxecto de comunicación do equipo olímpico español de vela foi distinguido co Premio Mariano Aguado de Comunicación, un galardón específico destinado ao sector informativo que se entrega no marco dos Premios Nacionais de Vela Terras Gauda.

Deseñado e executado baixo os mandos de Helena de la Gándara, o proxecto permitiu á audiencia española e internacional coñecer, dunha forma sinxela, directa e accesible, aos deportistas do equipo español desprazados a Enoshima para participar nas olimpíadas.

A través de múltiples recursos, en numerosas plataformas e con contidos moi coidados e atractivos, a Real Federación Española de Vela logrou aumentar de forma notable a visibilidade da armada que competiu en Tokio 2020, ao mesmo tempo que difundía entre o público os valores do deporte da vela e da marca España, tanto dentro como fóra das nosas fronteiras.

Todos estes aspectos foron os que converteron a este proxecto en merecedor do Premio Mariano Aguado de Comunicación, que Helena de la Gándara (RFEV, The Ocean Race, Vendée Globe, Barcelona World Race, America’s Cup) recollerá o próximo 4 de setembro no Monte Real Club de Yates de Baiona, na gala dos Premios Nacionais de Vela Terras Gauda.

“É unha gran honra que se recoñeza o enorme esforzo que se fixo ao longo destes dous últimos anos -declaraba Helena de la Gándara- por levar a bo porto un proxecto como este, cuxo fin non foi outro que dar a maior visibilidade e fomento do deporte da vela e os seus deportistas. Este premio é a mellor guinda do pastel que podiamos imaxinar. Grazas de corazón en nome de todos os que formamos este equipo”.