Baiona e Nigrán participan no proxecto cultural “Camiño A Dentro”

A Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia desenvolverán nos meses de outubro e novembro “Camiño A Dentro”, un novidoso proxecto cultural con dez accións artísticas en distintos concellos da provincia polos que pasa o Camiño Portugués ou o Camiño Portugués pola Costa. Todos os eventos correrán a cargo de mulleres artistas de recoñecida traxectoria e inclúen desde música en vivo, poesía e teatro a instalacións artísticas, videocreacións, ilustración e fotografía. Os actos desta iniciativa, desenvolvida a través de Turismo Rías Baixas e enmarcada no programa O Teu Xacobeo, empezarán en Baiona o día 3 de outubro e rematarán o día 25 en Soutomaior. No mes de novembro terá lugar a presentación do catálogo do proxecto.

“Camiño A Dentro” ten como obxectivo pór en valor o Camiño desde unha perspectiva cultural contemporánea, recoñecer o labor das mulleres artistas e propiciar o encontro coa comunidade local e os peregrinos e peregrinas. O programa arranca nos xardíns da Casa da Navegación de Baiona o día 3 e continuará nos días seguintes sucesivamente en Redondela, Caldas de Reis, O Porriño, Oia, A Guarda, Pontevedra, Nigrán, Tui e Soutomaior.

O proxecto conta coa participación das artistas Dores Tembrás, Carmen Quinteiro, Ruth Montiel, o grupo Dúas (formado por Sabela Caridad e Marta Figueiredo), María Meijide, Inherente Teatro (integrado por Noelia Blanco, Celina Fernández e Pía Nicoletti), Lucía Loren, Carla Andrade, Nastasia Zürcher e Helen Bertels. A iniciativa está comisariada por Paula Cabaleiro, coordinadora tamén do programa “Mulleres en Acción.Violencia Zero” da Deputación de Pontevedra. (As imaxes e a información sobre as artistas, accións, datas e lugares están dispoñibles nesta ligazón).

O Camiño Portugués é a segunda ruta xacobea máis transitada de cantas conducen a Santiago de Compostela, con máis de 67.800 peregrinos e peregrinas en 2018 e en aumento constante nos últimos anos. O Camiño pola Costa, que cruza todo o litoral desde A Guarda deica Redondela, tamén rexistra un progresivo incremento de peregrinos e peregrinas, con 13.638 en 2018. Así, as dúas rutas vencelladas ao país veciño superan as 81.500 persoas ao ano en tránsito pertencentes a un grande abano de nacionalidades.

“Camiño A Dentro” afondará, cunha ollada cultural, na relación entre Camiño e territorio e na interacción entre a veciñanza e os peregrinos e peregrinas.

CALENDARIO

CONCELLO LUGAR/DÍA/HORA ARTISTA/ACCIÓN
BAIONA Xardíns da Casa da Navegación / Xoves 3 de outubro / 18:30 horas Dores Tembrás / Poesía, acción poética
REDONDELA Venres 4 de outubro / 18.30 no exterior de la Casa da Torre Carmen Quinteiro / Acción poética con música en vivo.
CALDAS DE REIS Xardín Botánico / Sábado 5 de outubro / Instalación durante o día, coa participación do público. Preséntase o resultado ás 18.00 horas Ruth Montiel Arias / Instalación artística.
O PORRIÑO Praza do Arquitecto Antonio Palacios, diante do Concello / Xoves 10 de outubro /  12:00 horas Dúas, Sabela Caridad e Marta Figueiredo / Percusión
OIA Inmediacións do mosteiro de Oia-Praza Centinela / Venres 11 de outubro / ás 18.00 horas María Meijide / Pintura e ilustración
A GUARDA Praza do Reló, diante do Concello / Mércores 16 de outubro / ás 18:30h Inherente / Teatro
PONTEVEDRA Praza da Ferraría / Xoves 17 de outubro/ ás 12.30 horas Lucía Loren / Instalación Artística.
NIGRÁN Praza do Concello/ Venres 18 de outubro/ ás 19.30 horas Carla Andrade / Fotografía e videocreación.
TUI Sábado 19 de outubro / Praza de San Fernando (diante da Catedral) / ás 18:30 horas Nastasia Zürcher / Música
SOUTOMAIOR Venres 25 de outubro / ás 12.00 horas / Helen Bertels / Acción Escénica