Anuncios
Ticker de novas

O número de peregrinos que pasaron este ano por Baiona aumentou un 40% sobre 2016

FOTO: CONCELLO DE BAIONA // O alcalde de Baiona, Ángel Rodal, xunto a un grupo de peregrinos irlandeses.

A Oficina de Turismo do Concello de Baiona recibiu ata o pasado 31 de xullo un total de 1.170 peregrinos, o que representa un aumento do 40 por cento sobre as cifras recollidas no mesmo período do ano pasado, cando pasaran polas instalacións municipais 718 camiñantes.

Ao longo do ano 2016, o número de peregrinos que visitaron a Oficina de Turismo foi de 1.640, dos que 405 procedían do territorio nacional e 1.235 foron estranxeiros (75% do total). Respecto a anos anteriores, rexistrouse un incremento do 47,9% sobre 2015. En 2014, a cifra reduciuse a 1.065 e nas dúas tempadas anteriores apenas superaron as 500 persoas. O Camiño de Santiago non pasa exactamente polo punto no que se atopa a oficina, polo que os datos obtidos a través das sondaxes realizadas, son só unha parte das cifras totais.

O alcalde, Ángel Rodal, realizou este luns unha visita ao trazado do Camiño Portugués pola Costa. “Existe unha grande afluencia de peregrinos, nótase a chegada de camiñantes estranxeiros, moitos de Portugal, pero tamén de Irlanda, Italia ou Polonia”, explicou o rexedor.

O Concello de Baiona segue a apostar con forza pola promoción do Camiño pola Costa con diferentes iniciativas. Turgalicia colocou doce mouteiras que sinalan o trazado a través do Casco Histórico de Baiona e a Concellería de Turismo levou a cabo a instalación da nova sinalización da ruta Xacobea dende a recentemente inaugurada Oficina de Turismo.

“Xoves no Camiño”

Ademais, durante todo o verán está en marcha o programa de visitas guiadas e gratuítas “Xoves no Camiño”, con saída dende a Oficina de Turismo. O percorrido será en dirección á Praza de Santa Liberata e continuará o trazado do Camiño Portugués pola Costa nas rúas Manuel Valverde, rúa Conde e O Burgo ata a praza Vitoria Cadaval de Sabarís. As prazas son limitadas, polo que é necesario a inscrición previa na Oficina de Turismo (986 68 70 67).

Anuncios