Charla en Gondomar sobre as alternativas de consumo de enerxía

O Comando Ghichas súmase ás mobilizacións que se preparan a nivel mundial na semana do 22 de setembro e que rematarán o venres 27 en folgas e manifestacións convocadas en países e cidades de todo o mundo cun obxectivo: a defensa do Medio Ambiente e a chamada de atención aos gobernos sobre a situación actual de emerxencia climática e da necesidade dunha resposta urxente.

Neste contexto organizan unha charla en Gondomar á que queren convidar á veciñanza do Val Miñor o día 26 de setembro, ás 20:00 horas no local do Instituto de Estudos Miñoráns. Hai uns meses tiveron no mesmo espazo unha proxección do vídeo de Greenpeace “O lado escuro do Carbón” e unha charla despois da cal tiveron un interesante debate no que se falou das alternativas de consumo de enerxía que están a xurdir. Neste sentido, Ángel Montero, explicará como funciona a Sociedade Cooperativa Galega Nosa Enerxía que comercializa enerxía eléctrica de orixe renovable e conta xa con case 700 cooperativistas.

Como parte da Plataforma Galiza, un Futuro sen Carbón, Comando Chichas quere divulgar que a queima deste combustible fósil segue a ser unha das causas máis importantes de emisións de CO2 e outros gases de efecto invernadoiro, e que Galicia é un dos focos máis graves de contaminación a través das centrais térmicas que queiman o carbón como combustible para a produción de electricidade, sendo a central de As Pontes, unha das que produce máis emisións a nivel Europeo. É por este mo tivo que se pide o peche da central antes do 2025, salientando que esta medida sería a máis efectiva que se podería tomar para a redución rápida de gases de efecto invernadoiro que son a primeira causa do cambio climático.

“Como consumidoras e consumidores podemos escoller e temos responsabilidades. Unha alternativa é participar no cooperativismo enerxético de enerxías renovables ao mesmo tempo que deberemos concienciarnos e concienciar aos que veñen detrás sobre a necesidade de aforro: a mellor enerxía é a que non se gasta. Ante a crise de emerxencia climática… Hai alternativas!”, sinalan desde Comando Ghichas.