Baiona celebra a Romaría de San Cosme e San Damián

Os días 25 e 26 de setembro, este último festivo local en Baiona, reuniranse como cada ano miles de fieis na contorna de Santa Liberata para participar nalgún dos cultos que se celebran na honra aos santos Cosme e Damián, para gozar das actuacións musicais ou ben para participar no tradicional mercadiño de froitos do campo e produtos outonais.

Durante dous días a Praza de Santa Liberata convértese nun mercado onde se poden comprar todo tipo de produtos do campo, desde mel e noces ata froitas, verduras, apeiros de labranza, embutidos do país, produtos cosméticos naturais como xabóns, cremas hidratantes, aceites, plantas ornamentais, antiguallas, artesanía, etc. O mercado estenderase tamén pola rúa Marqués de Quintanar ata a Glorieta de Colón.

Ademais, o mercado será amenizado coas actuacións de grupos folclóricos, pandereteiras e pasarrúas. O mércores 25 haberá misas ás 18:00, 19:30 e 20:00 horas. Ás 19:00 horas levarase a cabo un pasarrúas a cargo do grupo de gaitas “A Seneira” de Baiona polo recinto do mercado.

O xoves día 26, día principal da Romaría e festivo local, haberá misas pola mañá ás 8:00, 9:00 e 10:00, sendo a Solemne ás 12:00, e pola tarde ás 18:00 e 20:00 horas, todas elas na capela de Santa Liberata. Ás 11:00 horas sairá a procesión, que percorrerá as rúas do casco antigo, acompañada polo grupo de gaitas “A Seneira” de Baiona. Ás 11:30, a Biblioteca Municipal acollerá unha charla sobre sanidade apícola a cargo de Gonzalo Calvo, veterinario de AGA. Ás 13:00 e ás 18:45 horas actuarán na Praza de Santa Liberata a Escola de Danza “Vila de Baiona” e o grupo de gaitas “A Seneira”, que ofrecerá outro pasarrúas polo recinto do mercado ás 18:00 horas.