Nigrán oponse a eliminar o semáforo de Cotros e ao sentido único nas rúas Cruceiros e Mallón

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // Rúa Mallón.

O alcalde de Nigrán, Juan González, vén de reiterar a petición oficial de reunirse coa conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, para incidir no importante que é mellorar o xa aprobado e adxudicado proxecto de mellora da seguridade viaria na PO-552 (puntos quilométricos 10+600 a 13+800) na contorna de Mallón. Este tramo non inclúe as alegacións realizadas dende o Concello de Nigrán no seu momento ao eliminar a regulación semafórica de Cotros (á altura da panadería La Pintora) engadindo a cambio un carril central de incorporación na estrada e impoñendo ademais o sentido único nas rúas Cruceiros e Mallón, ambas municipais.

“Son medidas prexudiciais para os veciños e precisamente van en contra da seguridade viaria que se está a pretender. Os semáforos foron instalados hai máis de catro anos como medida de seguridade e demostraron funcionar moi ben, os veciños están moi satisfeitos e desexan que se manteñan”, incide o alcalde, quen destaca que co futuro carril central de incorporación “se suprime o aparcamento próximo á panadería dificultando moito a continuidade dos negocios existentes e, ao mesmo tempo, se prexudica aos residentes no barrio de Mallón creando sentidos únicos en camiños de competencia municipal onde non había ningún problema de sinistralidade”, indica o rexedor, quen destacou que “froito das alegacións do Concello o único que se liquidou no proxecto foi o problema que existía no camiño das Barreiras”. Deste xeito, dende a Xunta finalmente elimínase o dobre sentido na rúa Cruceiros, que será só de saída á PO-552, e na rúa Mallón, quedando este como único acceso ao barrio pese a ser unha zona moi populosa e ter a calzada menos de tres metros de ancho no tramo de entrada.

“Existen alternativas que non son lesivas. Descoñecemos o prazo de inicio das obras pero é inconcibible que nos impoñan sentidos únicos en camiños de titularidade municipal”, subliña o alcalde, Juan González, quen lamenta que a Xunta tamén desestimase construír beirarrúas en toda a zona de Ureca.

O Concello, nas súas alegacións, pedira a mellora da accesibilidade peonil na contorna de Ureca (rotonda coa AG-57 a Porto do Molle ou Camiño ao Souto e Camesella), xa que actualmente só dispón dun único itinerario peonil moi complexo a pesares de ser unha zona moi transitada dado que dende aí se entra ao sendeiro do Río Muíños ou ás instalacións deportivas. A Xunta considera que os treitos existentes na marxe esquerda (dirección A Ramallosa) son xa suficientes e non se expón actuar na outra marxe ou dotar de continuidade ao escaso tramo existente. “Non se entende que sendo un proxecto de mellora da seguridade viaria se obvien e desestimen as alegacións e achegas dos veciños de Nigrán e do seu goberno ao respecto, non ten sentido algún que se impoñan solucións que non responden a ningunha demanda nin a ningunha lóxica de atallar problemas de sinistralidade”.