Apoio unánime do pleno de Gondomar ás alegacións da AVTG ao Plan de Transporte da Xunta

A Asemblea Veciñal por un Transporte Digno para Gondomar conseguiu o apoio unánime da Corporación ás súas alegacións ao Anteproxecto de explotación do transporte público da Xunta para a Comarca do Baixo Miño e Sur da Comarca de Vigo, no que se inclúe o Concello de Gondomar.

O acordo tivo que chegar a través do debate dunha moción presentada polo BNG por non ter incluído o Alcalde un punto na orde do día do pleno celebrado o xoves, tal como lle solicitara a Asemblea Veciñal o pasado 24 de agosto, a pesar de que as alegacións contaran co apoio de máis de 1.200 veciñas e veciños de Gondomar.

Por outro lado, o vindeiro xoves 26 de setembro unha representación da AVTG reunirase en Vigo con representantes da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade. Esta reunión, que fora solicitada pola Asemblea Veciñal logo de presentar as alegacións, ten como obxectivo explicar as súas propostas e debater o que fose preciso no camiño de conseguir un proxecto que realmente dea solución aos problemas de mobilidade e comunicación do concello de Gondomar.

Desde a AVTG afirman que “estes feitos só son posibles grazas á mobilización e ao apoio recibido por parte da veciñanza que, ademais, animan a reforzar o compromiso na defensa dun transporte digno para Gondomar”.