Anuncios
Ticker de novas

A Casa San Lourenzo e o Pazo da Escola participan na 11ª edición do “Outono gastronómico”

Desde o 15 de setembro ao 17 de decembro a Casa San Lourenzo de A Granxa-Belesar, en Baiona, e o Pazo da Escola de Mañufe, en Gondomar, participan na 11ª edición do Outono Gastronómico, a exitosa proposta de turismo rural promovida por Turismo de Galicia. Preto de 90 establecementos das catro provincias forman parte desta consolidada iniciativa, na que se combinan restauración e aloxamento con modalidades e prezos moi atractivos.

Os establecementos participantes ofrecerán dous menús diferentes, con produtos galegos de recoñecida calidade, deseñados especificamente para o Outono Gastronómico. Ademais, co fin de adaptarse aos gustos e ás necesidades dos diferentes tipos de viaxeiros, propóñense as modalidades Menú Outono Gastronómico sen pernoitar, Paquete Outono Gastronómico para unha noite, Fin de semana Outono Gastronómico para dúas noites e Fin de semana familiar Outono Gastronómico para dúas noites con nenos. Todas as opcións ofértanse tanto en habitación dobre como en individual, e con tarifas que oscilan entre os 30 e os 300 euros.

En parella, familia ou con amigos

Nesta edición participan no Outono Gastronómico 26 establecementos de Pontevedra, 22 da Coruña, 21 de Ourense e 20 de Lugo, preparados para recibir novos viaxeiros que se sumen aos preto de 57.000 que xa viviron a experiencia na súa primeira década en marcha. Só na pasada edición, rexistráronse 4.000 persoas en parella, familia ou con amigos, que puideron comprobar por que o Outono Gastronómico recibiu na Feira Internacional do Turismo (Fitur) de 2016 o Premio ao Mellor Produto de Turismo Activo Nacional en Enogastronomía.

Esta proposta permite durmir en edificacións con moito encanto e historia, situadas en paraxes tranquilos onde desconectar da rutina. Os interesados nela poderán atopar completa información nas guías promocionais dispoñibles nas oficinas de turismo, nos propios establecementos e noutros espazos de interese. Tamén a través das redes sociais, nas que haberá concursos con estancias como agasallo, ou na páxina web turismo.gal, que dispón do apartado outonogastronomico2017.com con todos os detalles.

O Outono Gastronómico contribúe a afondar na liña de desestacionalización da demanda turística, tal e como se fixa na Estratexia do turismo de Galicia 2020, o documento acordado entre a Xunta e o sector que recolle os compromisos, retos e as oportunidades neste eido. Nava Castro sinalou que é una Estratexia “onde o incremento no número de turistas vén da man do incremento da calidade do noso destino, da sustentabilidade e dos nosos mellores recursos”. Esta folla de ruta está a dar os seus froitos tamén no turismo rural, pois nos sete primeiros meses deste ano medrou máis dun 7% segundo os datos do Instituto Nacional da Estatística (INE). Ademais, na temporada estival a ocupación acadou o 60% en agosto. Así o indica a sondaxe feita co sector e que foi presentada onte no Consello da Xunta.

Anuncios