O Cereixa leva os tres puntos ante A Quinta de Tui

Segundo partido de liga para o Coperfi Cereixa Gondomar FS e primeiro como locatarios, aínda que houbo que desprazarse ao Pavillón Municipal Óscar Pereiro de Mos, porque o gondomareño non estaba dispoñible.

Partido contra A Quinta de Tui FS, equipo que a tempada pasada gañoulles os dous partidos e que acabou a liga en cuarto lugar, tendo un final de tempada inmenso gañando o últimos dez partidos. Esta tempada comezaron gañando o primeiro partido de liga, polo cal se prevía un partido complicado, e así foi, nada máis empezar o partido unha perda de balón aos quince segundos e rápido contraataque propiciou o 0-1 no marcador. A primeira parte transcorreu con dominio infrutuoso do Cereixa, que se estrelou unha e outra vez na defensa do equipo visitante. Un tiro ao poste, seis tiros dentro, sete fóra pero o gol non deu chegado, mentres que o visitante a pesar de non gozar de moitas ocasións tivo algunha clara coa que puideron ampliar o marcador, pero chegouse co 0-1 ao descanso.

A segunda parte empezou da mesma forma ata que aos tres minutos Gaby fixo un reverso e con algo de fortuna empatou o partido. Dous minutos máis tarde o propio Gaby rouba un balón e marca adiantando ao Cereixa no marcador. A partir de aí o xogo volveuse algo máis tenso con moitas imprecisións ata que a falta de cinco minutos A Quinta de Tui FS decidiu sacar o porteiro xogador. Máxima tensión nos xogadores do Cereixa en defensa que fixo que a táctica non dese o seu efecto e nun roubo de balón unha combinación entre Luca e Rubén acabou con gol por parte deste último faltando 2:41. De aí ao final o equipo visitante seguiu tentándoo pero a boa defensa dos xogadores de Vincios deixou o marcador en 3-1.