Caballero comunica aos alcaldes de Gondomar e Nigrán que queda auga para pouco máis de 100 días

Tras decretar a fase de alerta contemplada no Plan de Emerxencia Municipal en situación de seca, o goberno local de Vigo tomou diferentes medidas, entre as que se inclúe o envío de cartas a todos os alcaldes dos municipios que se abastecen desde a cidade olívica para que adopten medidas de aforro.

Segundo explicou Abel Caballero, as misivas foron enviadas a Redondela, Cangas, Moaña, Soutomaior, Porriño, Gondomar, Mos, Nigrán e Salceda que deben ter coñecemento de que queda auga para pouco máis de 100 días, algo que «na pluviosidade normal é tempo suficiente pero que dada a seca excepcional» que vivimos non se pode garantir nestes momentos.

O alcalde explicou que a fase de alerta activada inclúe «atención, prudencia e aforro» e unha cuestión importante «a notificación cidadá». Por iso o Concello iniciará unha campaña de comunicación para fomentar o aforro razoable no consumo que todas as vivendas de Vigo e dos municipios abastecidos por Eiras e Zamáns deben tomar. As dúas présas, de propiedade municipal, prestan servizo a 458.362 persoas das que pouco menos de 300.000 son de Vigo e o resto dos outros municipios citados. A esta cifra cómpre sumar outros 150.000, procedentes do consumo industrial, o que sitúa o número de usuarios por encima dos 600.000.

Ademais, Caballero solicítalle á Xunta de Galicia a «construción urxente dun azud na confluencia dos ríos Oitavén e Verdugo cara a présa de Eiras», unha petición que xa realizara no ano 2011 e que non foi atendida pero que permitiría maior afluencia de auga coas excedentes desta conca. Para iso, demanda unha reunión urxente na que abordar a posibilidade de realizar esa acometida para trasladar auga en previsión de que se prolongue a seca.

Anuncios