O Concello de Nigrán urxe á Xunta a substituír as tubaxes oxidadas do CEIP Mallón

O Concello de Nigrán insta á Xunta de Galicia a que execute sen demora obras de substitución das vellas e oxidadas tubaxes do CEIP de Mallón ao detectarse niveis de ferro elevado na auga pese a ser apta para o consumo, tal e como revela a analítica realizada esta semana dende a concesionaria Aqualia a instancias do propio Concello e que foi remitida hoxe á Consellería de Educación xunto imaxes e un escrito oficial. A realidade é que boa parte da instalación data dende o ano de construción do centro en 1987 e presenta a simple vista un gran deterioro que, ao inicio de cada curso escolar e tras meses sen uso, faise visible na propia auga durante os primeiros días. Por todo elo, e co obxectivo de outorgarlle a máxima celeridade, o Concello trasladará a maiores na vindeira semana á Consellería de Educación un informe municipal no que se valore a intervención e a súa contía económica (xa se contratou a unha empresa ao efecto). Paralelamente, mentres os niveis de ferro non baixen, o Concello continuará subministrando ao centro escolar bidóns de auga embotellada.

“Aínda que sexa auga apta para o consumo a calidade non é a máxima, polo que dende o Concello preferimos achegar auga embotellada ata que se corrixa a situación”, indica o alcalde, Juan González. Así, os diferentes parámetros analizados son correctos e no caso do ferro presenta 223 mg/litro, amosando neste aspecto unha pequena incidencia ao superar os 200 mg/litro (a partir dos 500 mg/litro consideraríase non apta para o consumo, tal e como recolle o Real Decreto 140/2003 que establece os criterios sanitarios da calidade da auga de consumo humano).

“Hai anos que vimos reclamando á Xunta a substitución das tubaxes do CEIP Mallón que, loxicamente, tras 32 anos de uso, están totalmente deterioradas, como a simple vista se aprecia”, incide o alcalde. “Os Concellos temos a obriga de realizar o mantemento dos centros educativos, pero é obvio que estas cuestións responden a que os materiais empregados na construción dos colexios xa pasaron a súa vida útil. A analítica da auga advirte de que o cambio é necesario e urxente e así llo reiteraremos á Xunta as veces que faga falta”.

2019-09-20 - Foto1