Detidos dous veciños de Baiona polo furto de material de construción nunha obra

A Garda Civil detivo a dous veciños de Baiona acusados da subtracción de medio centenar de taboleiros de encofrado que subtraerían nunha obra. Ao ser identificados como supostos autores confesaron a autoría e devolveron todos os taboleiros.

As investigacións realizadas por efectivos do Posto Principal da Garda Civil de Baiona iniciáronse cando o responsable da empresa construtora denuncia a subtracción de 50 taboleiros que tiña almacenados no interior dunha obra que está a realizar nunha céntrica rúa de Baiona.

Por mor das pescudas realizadas polos compoñentes da Área de Investigación do Posto, abríronse varias liñas de investigación que co apoio de varios testemuños recollidos na zona confluíron na identificación dunha furgoneta como sospeitosa de ser utilizada para o transporte dos taboleiros.

Unha vez localizada a furgoneta puidéronse confirmar as sospeitas e procedeuse á identificación da persoa que habitualmente a estaba utilizando. Trátase doutro veciño de Baiona, de 58 anos de idade, que foi detido como presunto autor do furto. Acompañábao outro veciño de Baiona, de 49 anos, que tamén foi detido.

De novo, dentro das investigacións foi fundamental a colaboración cidadá, que de maneira incesante comunica á Garda Civil multitude de datos e que se desenvolve principalmente a través do teléfono 062, do portal da internet “Colabora” deste Corpo e dos perfís oficiais nas redes sociais do mesmo. www.guardiacivil.es, sugerencias@guardiacivil.org, Guardia Civil (Facebook) e @guardiacivil (Twitter).

Unha vez instruídas as correspondentes dilixencias e recuperados os taboleiros, que estaban en poder do condutor da furgoneta, os dous arrestados foron postos en liberdade en sede policial, coa obrigación de comparecer ante a autoridade xudicial cando sexan citados.

As dilixencias entregáronse no Xulgado de Instrución núm. 5 de Vigo.