O Partido Popular de Gondomar presenta cinco mocións para o pleno deste xoves

O partido Popular de Gondomar vén de presentar por rexistro cinco mocións para o seu debate no vindeiro pleno que se celebrará o xoves 19 de setembro ás 20:00 horas no Auditorio Lois Tobío de Gondomar.

Na primeira das mocións o PP gondomareño solicita do goberno municipal o cambio de céspede do campo de fútbol municipal de As Cercas, onde practican deporte máis de 400 deportistas cos que conta o Gondomar Fútbol Base nos seus 20 equipos federados nas diferentes categorías dende biberóns ata sénior, incluso con equipo feminino. O céspede deste campo data do ano 2002 e agora mesmo atópase nunha situación non apta para a práctica do deporte, favorecendo as lesións dos futbolistas. Tamén piden que se dote ao campo duns vestiarios femininos, xa que nestes intres as xogadoras téñense que cambiar nos vestiarios dos árbitros.

Outra das mocións versa sobre a Praza da Paradela cuxas obras remataron hai pouco tempo e estiman que non se garante a seguridade dos usuarios nalgunhas zonas da mesma, polo que piden que se cubran os foxos cunha prancha de metacrilato que permita a saída e entrada da auga. Solicitan tamén que se inicie un expediente de reparación de danos das obras, outorgando un prazo de quince días para que os veciños afectados poidan comunicar calquera incidencia, co fin de solicitar da empresa construtora as obras necesarias para reparar os remates e evitar filtración e outras molestias aos veciños afectados. Outra das peticións que fan é retirar as xardineiras que impiden o paso de vehículos e permitir o paso de vehículos con PMMA inferior a 3500 Kg. para carga e descarga en horario de 8:00 a 11:00 horas, en días laborables, aos vehículos de emerxencias como ambulancias ou bombeiros e de seguridade cidadá e a entrada e saída de garaxes, que se habilite preto da farmacia un espazo para permitir a un coche facer unha parada de curta duración coa finalidade de favorecer a adquisición de medicinas, que a Concellaría de Obras e Servizos realice a redacción dun plan de accións para ampliar o número de árbores existentes, replantar outros no lugar dos que xa están morrendo e a adopción de medidas que eviten a seca do céspede e que sigan morrendo mais árbores.

O 40 aniversario da Agrupación Musical de Vincios ocupa outras das peticións que fai o Partido Popular para que se dedique á música a rotonda dos Arcos, que polo concello se negocie un novo convenio que valore máis si cabe o traballo social, cultural e educativo, e mellorando á achega económica que se realiza, conxelada dende o ano 2010, propoñendo tamén a declaración de fillos predilectos de Gondomar aos fundadores da escola de música D. Julio Costas Davila e D. Guillermo Costas Valverde, como referentes e representantes da música no concello de Gondomar.

Tamén queren darlle unha seguridade xurídica á decisión do alcalde do cambio de nome ao pavillón municipal. Con esta moción o Partido Popular de Gondomar, quere facer constar que non é intención deste grupo municipal o retirar do Pavillón Municipal o nome de Bernabé Costas de Miranda, máis ben todo o contrario. Entenden que un acto deste tipo debe ser feito con todas as garantías necesarias para evitar problemas posteriores, e que non quede o nome do Pavillón Municipal ao antollo do alcalde de quenda. O cambio de nome a unha instalación deportiva e o recoñecemento de méritos cara unha persoa, sexa quen sexa, é un acto que debe contar co apoio da maior parte posible dos veciños de Gondomar, pero sobre todo do Pleno da Corporación Municipal, que é o ente representativo de todos os veciños.

Por último se presenta unha moción de apoio á campaña #EmerxenciaFeminista, que se celebra este 20 de setembro e para iso piden un consenso institucional, político e social que mostre, sen fisuras, o compromiso de todas as institucións coa sociedade para alcanzar os acordos que permitan avanzar na erradicación da violencia contra as mulleres.

Anuncios