
A tarde do martes no Salón de Plenos do Concello de Baiona o Alcalde, Carlos Gómez, a concelleira de Deportes, Miriam Costas, e o concelleiro de Vías e Obras, Óscar Martínez, recibiron a unha representación dos membros que forman parte dos clubs de bolos de Urgal, Estivada e A Rega.
A homenaxe que se lle realizou a estes clubs foi polos resultados obtidos no último Campionato de España por equipos de bolo celta. O club de bolos Belesar Urgal proclamouse campión de España de bolo celta de 1ª división; o club de bolos Estivada proclamouse campión de España de bolo celta de 2ª división; e o club de bolos A Rega foi terceiro en 2ª división.
O Alcalde puxo en valor a tradición deste deporte que estes clubs están perservando coa súa afección aos bolos e os logros que están a alcanzar non só a nivel galego senón nacional. Expresou a súa gratitude porque na nosa vila existan clubs desta índole coa cal non só transmiten cultura senón que tamén levan o nome de Baiona alí onde se presentan.
Ademais de recoñecer os logros alcanzados por equipos tamén se fixo un recoñecemento a Alberto Martínez, Sergio Silva, Manuel González e José Camesella do club de bolos de Urgal, Pedro Lago do club de birlos Estivada e Matías Rajo do club de bolos A Rega polos seus resultados obtidos de forma individual e en parellas.
No devandito acto, ademais de falar de problemas e de posibles proxectos deportivos, Gómez tivo unha mención especial para o club de bolos Medialdea, pola súa traxectoria e todos os seus logros alcanzados os anos anteriores.