Os socialistas reclaman de Augas de Galicia unha limpeza dos ríos antes da tempada de choivas

O PSdeG-PSOE provincial denuncia a política propagandística do organismo Augas de Galicia na limpeza dos ríos e a falta dunha planificación seria e pensada para previr as inundacións nos tramos máis sensibles coa chegada do outono e o inverno.

O secretario xeral dos socialistas, David Regades, recalca que no “país dos mil ríos”, a política autonómica en materia de prevención de inundacións pódese resumir coa famosa frase de “se chove que chova”.

Segundo os datos publicados pola Entidade Pública Empresarial Augas de Galicia, neste ano só se realizaron 20 actuacións de limpeza en 36 tramos interurbanos de ríos e regatos, a meirande parte en tramos moi pequenos. “Unha porcentaxe ridícula, que non chega nin a un 0,1%, tendo en conta que temos uns 15.000 Km de rede fluvial”, declara Regades quen, engade que nin sequera se teñen priorizado os treitos declarados como Áreas con Risco Potencial Significativo de Inundación (ARPSI). “De feito tamén neste eido, aínda que pareza incrible, as actuacións da Xunta parecen máis guiadas pola cor política dos concellos que outra cousa”, conclúe o secretario xeral dos socialistas pontevedreses.

David Regades explica que o único paso realmente significativo dado pola Xunta este ano foi “desfacerse” de 300 Km de rede fluvial alegando que se trata de tramos urbanos, transferindo as competencias aos concellos a través dunha simple Instrución publicada no Diario Oficial de Galicia. “E, por suposto, como é norma da casa, sen dotar aos concellos dun só euro, a pesar de que son plenamente sabedores que no municipalismo galego e pontevedrés hai moitos concellos que carecen dos recursos necesarios para asumir tal encomenda”. “Os concellos teñen que limpar as franxas forestais, limpar os ríos, asumir o saneamento, axudar no fogar aos dependentes, os concellos teñen que asumir copagos polas garderías e os centros de día…”, lamentou o responsable provincial dos socialistas, que engade que “cabe preguntarse para que queremos as galegas e os galegos á Xunta de Galicia”.

Diante desta situación, os socialistas esixirán a través de mocións nos concellos da provincia que Augas de Galicia elabore e publique con suficiente antelación unha programación transparente coas actuacións de limpeza fluvial que se vaian acometer ao longo do ano. Que esta planificación inclúa un prazo de alegacións e/ou suxestións para os concellos e colectivos ambientalistas. Ademais, reclamarán que se redobren os esforzos preventivos nos leitos fluviais e que se estableza unha liña de axudas para que os concellos poidan acometer a limpeza dos tramos urbanos que lles transferiron “dun plumazo”.