Gondomar apela á implicación de toda a sociedade na loita contra a violencia machista

A corporación municipal de Gondomar secundou este mediodía a concentración convocada en solidariedade coas familias e amigos das tres mulleres asasinadas este luns en Valga, pola ex parella dunha delas. Un acto, que concluíu cun minuto de silencio, no que mostraron o seu rexeitamento “enérxico e contundente á violencia de xénero” que sempre “denunciaremos de forma alta e clara, porque cada vez que se silencia lexitímanse os agresores”.

Así se recollía na breve declaración institucional que leu a edil e deputada provincial Iria Lamas, e que se completaba lembrando a implicación da administración local na loita contra a violencia de xénero que, no que vai de ano, cobrouse xa a vida de 41 mulleres. “É traballo de todas e todos combatela, acabar coa violencia machista, traballando desde a unidade e insistindo na responsabilidade e compromiso de todos os poderes públicos, administracións, organizacións e cidadanía”.

A corporación municipal lembrou que nesta loita as mulleres non están soas e que “as vítimas sempre contarán co noso apoio e respaldo, mentres que os seus asasinos, atoparán o noso máis profundo rexeitamento”, concluíu o texto.

Anuncios