O Vigo-Rías Baixas afina en Valencia o seu estado de forma para a Volta a Galicia

Penúltima volta do calendario e último test importante antes da gran cita da tempada. O Vigo-Rías Baixas ponse en marcha este xoves na Volta á Provincia de València. A estrutura presidida por José Luis Chamorro buscará nesta rolda de catro etapas afinar o seu estado de forma para a Volta a Galicia e sumar puntos para defender a segunda praza na clasificación Elite da Real Federación Española de Ciclismo.

A falta de dúas semanas para que a Volta a Galicia arranque en Baiona, Samuel Blanco liderará ao conxunto olívico en terras mediterráneas. O redondelán chega a esta proba tras terminar quinto o pasado domingo na Volta á Illa de Tenerife e ocupando a cuarta posición no clasificación Elite da RFEC, que foi actualizado esta semana.

Sergio Álvarez, outro corredor que brillou en Canarias, formará parte do sete flúor en Valencia. O resto da aliñación compóñena Jorge González, Alejandro Martínez Bayán, Gabriel Ochando, David Domínguez e Iñigo González. Este último debuta co Vigo-Rías Baixas procedente do Telcom.

A primeira etapa, de perfil escapado e 130,5 quilómetros, discorrerá entre Valencia e Riba-Vermella de Turia. O segundo día disputarase unha contrarreloxo de 20,8 km. con inicio e final en Llíria, mentres que a penúltima xornada deparará unha esixente etapa (125,3 km.) cun explosivo final na subida ao alto do pantano de Benagéber. Xa o domingo terá lugar a última etapa, de 122,3 quilómetros, cos ciclistas tendo que completar ata nove voltas a un circuíto con saída e chegada en Moncada.

Anuncios