Este luns presentouse en Baiona a Volta a Galicia, que na súa XVIII edición desenvolverá as dúas primeiras etapas na Real Vila.
No acto, que tivo lugar no Paseo da Ribeira, o Alcalde, Carlos Gómez, e a concelleira de Deportes, Miriam Costas, estiveron acompañados por Juan González e Francisco Ferreira, alcaldes de Nigrán e Gondomar respectivamente; Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Galega de Ciclismo; Guillermo Sande, director da Volta a Galicia; Carlos Alonso, presidente do Club Ciclista Vigués e José Luis Chamorro, presidente do Club Ciclista Vigo-Rías Baixas.
O xoves 19 será a primeira etapa, unha contrarreloxo de 8,3 quilómetros na que participarán 19 equipos. Cada un sairá desde as 18:00 horas cunha diferenza de tres minutos, polo que se prevé que a chegada a meta do último equipo prodúzase sobre as 19:10 horas. A saída estará situada na Avda. Ramón y Cajal dirección A Guarda. O pelotón pasará pola Avda. Joselín, a N-550, Avda. Monterreal, Avda. de Sabarís e Elduayen, onde se situará a meta.
A segunda, o venres 20, será unha etapa en liña con saída e meta en Baiona. O pelotón completará un percorrido de 137 quilómetros polos concellos do Val Miñor e Baixo Miño, pasando por Sabarís, A Ramallosa, Nigrán, Camos, Vilaza, Pego Negro, Gondomar, Oia, A Guarda, Tabagón, Goián, Vilar de Matos, Tomiño, Hospital de Tebra, Alto de Tebra, Couro, Baíña, o Alto da Groba, Torroña, Cabo Silleiro e Baredo.
Esta segunda etapa dará comezo ás 13:30, tendo varias metas volantes que serán en Baiona en diferentes horarios (14:00; 15:40). Ás 15:19 cruzarán polo primeiro premio de montaña no Alto de Tebra e ás 15:56 cruzarán o segundo no Alto da Groba, terminando sobre as 17:00 horas na entrada do Parador. Será nesta etapa na que se lle entregará ao vencedor a camisola azul patrocinada polo Concello de Baiona.
Con motivo da Volta a Galicia haberá actividades paralelas. O xoves 19 ás 17:00 horas realizarase unha saída non competitiva de índole familiar para maiores de 7 anos realizando o mesmo percorrido que a etapa que se celebra ese mesmo día.
O venres 20, coa colaboración do Club Ciclista Vigués, de 16:30 a 18:00 horas unha xinkana ciclista no Parque da Palma onde poderán participar os maiores de 5 anos. Para ambas as dúas actividades é obrigatorio casco, bicicleta e inscrición previa, a cal se tramita no Pavillón de Deportes de Baiona.

