Escolares de Chandebrito poñen en marcha un reto contra os incendios

A Asociación para a Prevención e a Educación Social (APES) e a Fundación Barrié impulsan por segundo ano #SenLumes, un proxecto para previr os delitos forestais. É un proxecto educativo que se desenvolveu nos centros Divina Pastora de Ourense e Colegio Estudio de Chandebrito en Nigrán, con máis de 100 mozos e mozas de 1º e 2º da ESO, que se converteron en Investigadores Sociais, adquirindo coñecementos e conciencia social en materia de delito forestal, e levando a cabo unha acción social de concienciación, deseñada para sensibilizar a través das redes sociais sobre a prevención dos delitos relacionados cos lumes.

O proxecto Investigadores Sociais ten como obxectivo sensibilizar a alumnos e alumnas acerca dos riscos que traen consigo certos comportamentos negativos mais concretamente, nestas accións levadas a cabo, os relacionados co delito forestal. Deste xeito, búscase sensibilizar ao alumnado sobre comportamentos de risco e crear nos centros educativos participantes un espazo que potencie o talento e a responsabilidade social dos mozos e mozas.

O proxecto #SenLumes, que se desenvolveu baixo a metodoloxía de Aprendizaxe–Servizo, estendeuse ao longo de 3 meses onde o alumnado investigou, deseñou e levou a cabo unha acción social sobre a temática dos incendios e o delito forestal. Durante a fase de investigación, leváronse a cabo sesións presenciais co alumnado nos dous centros educativos, coa finalidade de dar a coñecer as distintas causas, o perfil das persoas incendiarias e tamén as consecuencias penais que ten provocar un incendio forestal.

Elaborouse material didáctico adaptado ás idades dos mozos e mozas participantes para traballar na aula e tamén na casa, creando así un espazo de traballo en rede que implica a entidades sociais, ao alumnado, ao grupo docente e ás familias. Na fase de deseño, preparouse unha acción de sensibilización cidadá na que se fai uso das novas tecnoloxías e da música, como ferramenta para motivar aos mozos e mozas.

Sendo conscientes da importancia que teñen hoxe en día as redes sociais, en ambos colexios a acción social do grupo de Investigadores Sociais, consistiu na posta en marcha dun reto viral, utilizando este recurso para sensibilizar e previr os delitos forestais.