Partidazo e importante punto do Gondomar en Mos ante o favorito da Liga

Gran partido o presenciado onte no campo de As Baloutas de Mos, entre dous moi bos conxuntos, que demostraron un gran nivel competitivo e o nivel de mellora e reforzo respecto a tempada pasada. O partido puido caer para calquera dos dous lados, se ben o máis xusto foi o reparto de puntos, nun día no que destacaron tamén os porteiros e as defensas.

Na primeira metade os locais estiveron mellor sobre o terreo de xogo, pois tiñan máis control da pelota pese a non arriscar en exceso. O calor pronto fixo mella nos homes dun e outro conxunto, atenuado polo alto ritmo de xogo que ambas escuadras marcaron no terreo de xogo. Víase que sería un encontro moi disputado e que se decidiría por pequenos detalles. Na primeira media hora chegou un contratempo para cada equipo, pois un problema no adutor fixo que Chuvi se retirase nos locais dando entrada a Gerardo, e nos visitantes un mareo de Kevin deu lugar á entrada de Álex Oya. Ningún dos dous adestradores cambiou o debuxo, pois ambos estaban satisfeitos co que se vía. O Mos dispuxo de dúas grandes oportunidades para abrir o marcador, e o Gondomar á contra e nun saque de esquina puido tamén anotar, pero atento o gardamallas local e a zaga visitante, fixeron que o marcador non se movese nos primeiros corenta e cinco minutos.

Na segunda metade Víctor Santos mudou as intencións e moveu banco no descanso e ideas para afrontar o resto. A partires de aí, un equipo: o Gondomar CF. Nos primeiros vinte minutos foron seis as ocasións claras que tiveron logo dun gran dominio, con falta de sorte nos metros finais, pois a defensa local sacou un balón baixo paus, Benavides fixo dúas grandes intervencións, non tiveron acerto nun saque de curruncho, e mesmo estragaron un balón ao traveseiro. Emilio Paz mudou o debuxo e trocou até catro xogadores de campo, pero o dominio do Gondomar seguía a ser moi claro. As grandes individualidades locais si que serviron para que en dous balóns longos ao final, Pablo Cousido tivese dúas ocasións nas que Sebas fixo dúas grandes intervencións, provocando que o marcador non se movera. O equipo segue sen coñecer a derrota e puntuando contra os favoritos, agora toca referendar este bo arranque ante o Matamá, co que xogarán a domicilio novamente na xornada tres.

FICHA TÉCNICA

UD Mos: Benavides, Adrián, Jose, Villa, Brais, Chuvi, Rubén, Pablo Cousido, Tomás, Emi e Diego Couso. Tamén xogaron Gerardo, Iago, Bugallo, Toni e Alberto.

Gondomar CF: Sebas, Javichu, Marcelo, Romero, Dani Cabezas, Rafa, Kevin, Mario, Carlos Díaz, Bas e Carlitos. Tamén xogaron Álex Oya, Diego, Pablo Gul, Sergio Ramilo e Pablo Ozores.

Árbitro: Paula Baboa Costas, do colexio de Vigo. Amonestou con cartón amarelo aos locais Emi, Gerardo e Villa; e pola nosa parte a Diego, Rafa e Dani Cabezas.

Incidencias: Partido disputado no Campo de As Baloutas ante unhas 50 persoas, nunha mañá no que a calor tamén se deixou notar en ambas escuadras.

Anuncios