Sin categoría

Nigrán estrea a torre de xogo máis alta da comarca cunha festa

A Praza Rosalía de Castro cobrou xa unha nova vida. O Concello de Nigrán abriu onte ao público a gran torre escalable de 10 metros de altura e con forma de foguete que preside o espazo central (no mesmo lugar que ocupaba unha fonte ornamental inutilizada). Aínda que xa en uso, será inaugurado oficialmente o luns 26 de Xullo a partir das 18:30 coa presencia de “Benito e Rufina”, de Troula Animación.

A torre constitúe por si mesma o elemento de xogo máis grande da comarca e contribuirá a dinamizar un espazo en pleno centro e totalmente en desuso ao carecer de atractivos para a infancia ao marxe dun pequeno parque nun lateral. Conta cun tobogán recto nun primeiro nivel e outros dous tubulares a máis altura, o superior deles a 7 metros e cunha disposición en espiral. Adicionalmente, o chan cubriuse de caucho para outorgarlle a máxima seguridade.

“É unha torre coas máximas garantías de calidade e seguridade infantil que vai transformar a vida nesta praza e a darlle un pulo inmenso”, destaca o alcalde, Juan González, quen incide que a súa praza veciña, na Biblioteca, tamén dispón dun proxecto para outorgarlle un uso multifuncional con especial atención á infancia (dispoñerá de fontes de auga recreativas como gran novidade na comarca).