Arranca a Semana Europea da Mobilidade en Baiona

A protagonista en Baiona este luns foi a mobilidade. Con motivo do comezo da Semana Europea de Mobilidade o Concello organizou varios actos.

O primeiro tivo lugar ás 10:00 da mañá, cando o grupo de goberno colocou a bandeirola anunciando o comezo da devandita semana e a adhesión ao plan deste Concello, feito que se fai por primeira vez desde que no 2000 comezouse a celebrar.

Posteriormente a concelleira de Accesibilidade e Mobilidade, Concepción Vara, e o concelleiro de Urbanismo, Víctor Muñoz, percorreron as rúas do centro recollendo as imaxes necesarias dos sitios adaptados e os que presentan dificultade para a mobilidade, así como diversas opinións de veciños e veciñas para a mellora dos accesos.

Finalmente, celebrouse no Paseo da Ribeira a presentación da XVIII Volta a Galicia, que desenvolverá as súas dúas primeiras etapas en Baiona os días 19 e 20 deste mes.

Con motivo da adhesión á Semana Europea da Mobilidade, a Concellería de Deportes en apoio á Concellería de Accesibilidade e Mobilidade, organiza varias actividades paralelas á Volta a Galicia para promover a bicicleta como medio de transporte alternativo. O xoves 19 ás 17:00 horas realizarase unha saída non competitiva de índole familiar para maiores de 7 anos realizando o mesmo percorrido que a etapa que se celebra ese mesmo día.

O venres 20, coa colaboración do Club Ciclista Vigués, de 16:30 a 18:00 horas unha xinkana ciclista no Parque da Palma onde poderán participar os maiores de 5 anos. Para ambas as dúas actividades é obrigatorio casco, bicicleta e inscrición previa, a cal se tramita no Pavillón de Deportes de Baiona.

Anuncios