ANPA do IES Primeiro de Marzo: “A consellería de Educación non cumpre co prometido”

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // IES Primeiro de Marzo.

Durante as obras de arranxo da cuberta no IES Primeiro de Marzo, realizadas a principios do mes de febreiro como consecuencia do seu desprendemento a causa do forte vento, o Xefe territorial de Pontevedra da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, o César Pérez Ares, visitou ditas obras en compañía do ex alcalde Ángel Rodal o día 7 de febreiro e anunciou “una inversión para completar la reparación de la fachada del IES Primeiro de Marzo de Baiona. Unas obras que se licitarán en mayo y se llevarán a cabo durante el verano y señaló que se completarán de cara al próximo curso”.

Este pasado 22 de agosto con motivo da visita ás obras da rehabilitación integral no CPI de Cova Terreña, Carmen Pomar, conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, deu conta que “a Consellería ten en fase de adxudicación a reforma dunha das fachadas do IES Primeiro de Marzo (a que está orientada ao mar), por un importe aproximado de 47.000 €”.

Desde a ANPA Balcaxia queren agradecer á nova dirección do centro a súa predisposición, preocupación e traballo ao longo de todo este verán onde foi constante a súa colaboración na procura de que se cumpriran as promesas e se iniciasen as obras para garantir telas rematadas antes do inicio do curso escolar 2019-2020. ”Unha vez máis asistimos ao desleixo da Consellería xa que a realidade é que estamos a 3 días do comezo do curso e o arranxo da fachada do centro non comezou nin temos novas ao respecto”.

“Desde a ANPA Balcaxia do Primeiro de Marzo queremos facer públicos estes feitos, solicitarlle á Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional que realice as obras prometidas e amosar o noso desagrado polas promesas incumpridas e a profunda preocupación polo período no que se realicen as obras”.

Anuncios