“Lonxe de resolver o problema van aumentalo e con el o perigo para os veciños de Vincios”

O Grupo Municipal de Manifesto Miñor presentou este luns unha alegación ante a Axencia Galega de Infraestruturas sobre as obras que pretende levar a cabo en Vincios, na estrada PO-331. Para Antonio Araújo son obras pensadas para unha vía interurbana cando estamos a falar dunha rúa urbana, “polo que lonxe de resolver o problema van aumentalo exponencialmente e con el o perigo para os veciños de Vincios, dividindo en dous a parroquia cunha barreira infranqueable”.

“Ao noso entender, se queren mellorar a situación de devandito viario, é necesario implantar medidas reais de seguridade: rede semafórica, máis pasos de peóns elevados, beirarrúas máis anchas, zonas de aparcadoiro, etc, etc”, sinala Araújo. Para Manifesto Miñor, a solución definitiva, que xa adiantou no pleno de xaneiro, sería suprimir a peaxe da autoestrada do Val Miñor, solución para Vincios, pero tamén para o resto da comarca. “Unha débeda histórica que só compensaría en parte a desfeita que esta obra absurda cometeu contra o Val Miñor”.

“É unha evidencia que xa ninguén discute en Gondomar e en todo o Val Miñor, que a solución aos problemas de tránsito na comarca pasa pola supresión da peaxe na autoestrada AG-57 Vigo-Baiona. No caso de Vincios a solución aínda sería moito máis favorable habilitando as ligazóns construídas e fóra de servizo á altura de Xián, o que posibilitaría a comunicación da parroquia desde o sur”.

Achicar os carrís de circulación, eliminar todos os xiros á esquerda, crear rotondas excesivamente reducidas que lle impedirán os cambios de sentido a aqueles vehículos de gran tamaño, eliminar pasos de peóns e os semáforos ou a supresión de zonas de aparcadoiro tan necesarios na zona, converterá segundo Araújo nunha muralla infranqueable que dividirá en dous partes de imposible comunicación á parroquia de Vincios, “o que vai obrigar a que os veciños do lugar manteñan as dinámicas de tránsito de sempre multiplicando exponencialmente as situacións de perigo, xusto o contrario que di pretender o citado proxecto”.

Visto o rexeitamento xeneralizado deste proxecto polos veciños da parroquia de Vincios, e da propia Corporación Municipal de Gondomar, que no Pleno de xaneiro acordou unanimemente dirixirse á AXI para tratar de reconducilo, Manifesto Miñor solicita na súa alegación suspender ou anular o proxecto, por non responder as necesidades da zona e non ter en conta as características urbanas do viario, e investir o orzamento previsto na mellora das condicións do treito da PO-331 que atravesa o barrio de Hervillás, con pasos de peóns elevados, a ampliación e mellora da rede semafórica existente, a ampliación das beirarrúas e das zonas de aparcadoiro, a instalación de espellos nos cruces e a mellora dos mesmos para darlle amplitude e maior visibilidade.

Anuncios