Unha nova lei estatal fai perigar a continuidade das terrazas de Baiona

Unha nova Lei estatal aprobada no ano 2013 e que entrou en vigor en xaneiro deste ano, que ten que ver coa mobilidade e a accesibilidade nas rúas, pon en serio perigo unha alta porcentaxe das terrazas que cada día montan os establecementos hostaleiros de Baiona, e mesmo podería impedir a instalación dos habituais postos de venda na Festa da Arribada.

O alcalde, Carlos Gómez, que recoñeceu que Baiona está moi afectada, informou este xoves que será necesaria unha modificación da ordenanza para a ocupación da vía pública. Tamén criticou ao goberno saínte do PP, ao que acusa de non facer “absolutamente nada” desde o 2013 ata o 2019, “nin sequera explicarlle aos afectados de que vai esta Lei, cousa que vai facer este grupo de goberno”.

Así mesmo, anunciou que xa foi solicitada a excepcionalidade mentres non se adapta a ordenanza á Lei estatal. “Estamos pendentes dun informe sectorial da Xunta para poder sentarnos a elaborar xa esa nova ordenanza para regular a utilización dos espazos públicos, e que ademais vai ser acordada cos empresarios e as diferentes asociacións”.

A normativa establece que calquera negocio que queira montar unha terraza por exemplo, mínimo, debe facelo a 1,80 metros da súa fachada, cousa que no Casco Vello baionés sería complicado ou máis ben imposible. “Temos moi poucas rúas que se poidan permitir ese luxo, parte de Ramón y Cajal, Carabela Pinta, Elduayen e Alférez Barreiro”, lembrou o alcalde.

“Agora temos que ver ata onde podemos chegar á hora de elaborar esa nova ordenanza, pero o que temos que ter claro é que hai unha Lei, que é a que regula, é unha Lei estatal, e que xa hai concellos, en Galicia e fóra de Galicia, que xa están adaptados, cousa que nós non movemos nin medio dedo. Non entendemos como a estas alturas, despois de 15 anos de goberno do Partido Popular, e con seis anos de marxe, non movesen un dedo respecto a este tema, e tampouco llo explicaron aos seus veciños e veciñas”, concluíu Carlos Gómez.

Anuncios