Sergas e Concello de Gondomar analizan os traballos pendentes para abrir o novo centro de saúde

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e o alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira González, mantiveron este mércores unha reunión na que a administración local comprometeuse a ter rematados no vindeiro mes de outubro os trámites municipais necesarios que permitan ao Sergas poñer a disposición de toda a veciñanza deste concello o novo centro de saúde xa rematado. Con posterioridade, técnicos de ambas as dúas administracións analizaron os traballos pendentes. Entre as actuacións que ten que executar o concello para que o Sergas poida poñer en funcionamento o novo centro de saúde atópase a execución da acometida de gas, a dun vao peonil e outro vao de acceso para ambulancias, así como outros traballos para mellorar a accesibilidade.

O novo centro de saúde de Gondomar levántase sobre unha parcela de 4.974 m2, cedida polo Concello de Gondomar ao Sergas, e conta cunha superficie construída de 1.611,20 m2, o que supón un incremento de 990 m2, un 159,45% máis respecto ao espazo do que se dispón ata agora. O novo centro dispón, na área médica de 6 consultas de medicina xeral, 6 de enfermería, 1 consulta de matrona e 1 sala de educación social, unha sala de toma de mostras, unha sala técnica e 2 salas polivalente. Na área pediátrica dispón dunha consulta de pediatría e unha de enfermería pediátrica. Tamén dispón, entre outras dependencias, dunha área de admisión e dun arquivo de historias clínicas. O novo centro atenderá a unha poboación de 10.615 tarxetas sanitarias, das que 1.178 son menores de 15 anos. Con esta nova infraestrutura da rede sanitaria pública permitiralles tanto aos profesionais como aos pacientes e usuarios dispoñer dunha centro moderno e adaptado ás súas necesidades.