Ferida unha veciña de Nigrán nun accidente de moto en Vigo

Unha veciña de Nigrán de 36 anos resultou ferida a pasada madrugada nun accidente de tráfico ocorrido na Gran Vía de Vigo. A muller, ingresada en Povisa, ía de pasaxeira nunha motocicleta.

Ao fío das 1:30 horas unha chamada á Sala do 092 alertaba dun accidente de tráfico ocorrido á altura do número 36 da Gran Vía. Cando a unidade de Atestados chega ao lugar pode saber que o único implicado é un motorista de 40 anos, veciño desta cidade, quen circulaba en sentido ascendente. Minutos despois, o 061 confirma o falecemento do piloto no mesmo lugar do suceso, mentres a muller que viaxaba como pasaxeira era trasladada ao centro médico Povisa.

Cando unha chamada á 092 alerta dun sinistro ocorrido no número 36 da Gran Vía, varias patrullas diríxense ao lugar ao obxecto de asegurar a zona e ofrecer a asistencia que sexa necesaria. Posteriormente, requírese a presenza dunha ambulancia medicalizada xa que a reanimación inicial que efectúan os axentes sobre un home que se atopa tendido sobre a calzada, en posición decúbito prono, resulta infrutuosa. Minutos despois, os médicos do 061 que chegan ao lugar certifican o falecemento da vítima, un home de 40 anos de idade e veciño da cidade.

Aínda que se están realizando as investigacións que determinen as causas do sinistro, a Unidade de Atestados analiza o escenario do suceso onde, inicialmente, o condutor da motocicleta choca contra un dos valos de plástico onde se acouta a zona de obras que alí se executan, perdendo o control da mesma e remontando a beirarrúa para acabar encaixándose contra un contedor de residuos sólidos urbanos, nese momento completamente cheo. Igualmente, os axentes de Atestados non localizaron ningún elemento estraño de calquera natureza ou deficiencia, así como outros danos na vía que contribuísen ao sinistro, descartando a participación ou implicación de terceiros, sen prexuízo do que se obteña como resultado das investigacións a realizar.

Informado o Xulgado de Instrución nº4, en funcións de garda, leva a cabo o levantamento do cadáver sendo trasladado ao hospital Nicolás Pena polos servizos funerarios de Vigomemorial.

Anuncios