Sin categoría

O Certame de Coplas de Entroido repite éxito en Gondomar

Gondomar celebrou con gran éxito de público o II Certame de Coplas de Entroido, organizado pola Asociación Cultural Centáurea coa colaboración da Concellería de Cultura e a Deputación de Pontevedra. O pasado ano recuperouse esta parte do Entroido tradicional galego, o recitado ou cantado de coplas nas que contar os acontecementos do ano cunha mestura de crítica e humor.

Nesta segunda edición participaron catro comparsas, Animodo de Domaio, representativa desta tradición do Entroido no Morrazo, As Vellas do Táper de Chaín, Esensias O’Liosas de Peitieiros e a decana Os Tarteiras do Casco Vello, elemento imprescindible do Entroido vigués.

A composición das coplas debía estar redactada integramente en galego, libre, cun mínimo de 8 estrofas, con interpretación acompañada de música, total ou parcialmente. Nas letras non faltaron mencións aos alcaldes de Gondomar e Vigo, as rotondas con oliveiras, a polémica suscitada pola gravación de Masterchef na comarca, a iluminación de Nadal ou a vaga de lumes do pasado mes de outubro.

Ademais de cantar coplas, as comparsas participantes realizaron un pasarrúas desde a Alameda de Gondomar ata o Auditorio Lois Tobío, onde se celebrou o certame, presentado e amenizado polos regueifeiros Bieito Lobariñas e Luís Caruncho. Ao remate agasallouse cun detalle conmemorativo a cada agrupación como recordo da súa asistencia.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.