Baiona celebra a Semana Europea da Mobilidade promovendo a bicicleta e as viaxes a pé

O Concello de Baiona participará na Semana Europea da Mobilidade (SEM) 2019, que se celebrará do 16 ao 22 de setembro baixo o lema “Camina con nosotr@s”. Trátase dunha campaña dirixida a sensibilizar, tanto aos responsables políticos como aos cidadáns, sobre as consecuencias negativas que ten o uso irracional do coche na cidade, tanto para a saúde pública como para o medio ambiente, e os beneficios do uso de modos de transporte máis sustentables como o transporte público, a bicicleta e as viaxes a pé.

Baiona súmase este ano a esta iniciativa que xurdiu en Europa en 1999 e a partir do ano 2000 contou co apoio da Comisión Europea, realizando actividades para promocionar a mobilidade sustentable e fomentando o desenvolvemento de boas prácticas e medidas permanentes.

Do 16 ao 22 realizarase a actividade “Rúas Vivas”, un percorrido a pé polo municipio dos representantes políticos para avaliar problemas nas beirarrúas, barreiras físicas, vertido de lixos, aparcamentos ilegais, problemas de accesibilidade e mobilidade na contorna de persoas concretas que demandan estes servizos (contando coa súa colaboración), dificultades no transporte público, ou acceso ás praias.

O día 19, coincidindo co inicio da Volta Ciclista a Galicia, realizarase unha saída en bicicleta de índole non competitiva e familiar, na que poderán participar todas aquelas persoas maiores de 7 anos que o desexen, sempre contando con casco. A saída estará situada na Entrada do Parador, cun percorrido previsto ata a rotonda da autoestrada en Sabarís e volta ata a rotonda de Baredo. Os ciclistas deberán concentrarse desde as 16:00 horas para iniciar a marcha ás 16:30 horas.

O día 20 celebrarase unha xinkana ciclista no Parque da Palma, na que poderán participar maiores de 6 anos coa súa bicicleta e casco. Será desde as 16:30 ata as 18:00 horas.

Finalmente, o 22 de setembro celebrarase ademais o evento A cidade, Sen coche!, orixe desta iniciativa europea, que pretende atopar novas solucións aos problemas asociados ao aumento do tráfico nas cidades. O goberno local pechará ao tráfico as rúas Carabela Pinta, Ventura Misa, Conde, Rúa do Reloxo, Xogo da Bóla, Lorenzo de la Carrera, San Xoán, Diego Carmona e Camiño Entrehortas, entre as 10:00 e as 19:00 horas.

Camiñar e pedalear de forma segura

O tema elixido este ano pola Comisión Europea está centrado en camiñar e pedalear de forma segura e o lema é: Camina con nosotr@s! Mediante esta temática, a Unión Europea pon o foco nos beneficios que teñen estas dúas formas de desprazamento para a nosa saúde, para o medio ambiente e para a nosa economía.

Anuncios