Deteñen á ex camareira dunha cafetería de Nigrán por simulación de delito e apropiación indebida

A Garda Civil detivo a unha moza veciña de Vigo, acusada de simulación de delito e apropiación indebida de algo máis de 20.000 euros cando estivo a traballar de camareira nunha cafetería de Nigrán.

As investigacións realizadas polo Posto Principal da Garda Civil de Baiona-Nigrán no marco da denominada operación “Alecrín” iniciáronse por mor dunha denuncia que presentara a camareira polo roubo do seu vehículo no que, segundo o seu relato, gardaba 3.400 euros da recadación da cafetería.

As sospeitas sobre a veracidade desta denuncia xurdiron desde o primeiro momento e, sobre todo, cando o vehículo apareceu tres días despois estacionado a escasos 500 metros do lugar onde supostamente fora subtraído sen ningún signo de violencia, nin nas portas nin no sistema de aceso. O coche tiña as portas pechadas sen o seguro e as únicas chaves dispoñibles estaban en poder da súa propietaria.

Varios meses despois o propietario da cafetería denunciou ante a Garda Civil á mesma camareira por un delito de apropiación indebida xa que, segundo o seu relato, pouco antes de ser despedida emitira e xustificara o pago de facturas falsas aos distribuidores por un valor total que supera os 20.000 euros.

Trátase dunha veciña de Vigo, de 41 anos, supostamente adicta ao xogo, que finalmente sería detida e posta en liberdade en sede policial, unha vez instruídas as correspondentes dilixencias. Deberá comparecer cando a citen no Xulgado de Instrución de garda de Vigo, acusada de simulación de delito e apropiación indebida.

Anuncios