A Área Sanitaria de Vigo dispón dun plan específico de incidencia de múltiples vítimas

O accidente de tren de Porriño – do que hoxe hai 3 anos – marcou un punto de inflexión na atención sanitaria de Vigo. Así, este accidente foi o punto de referencia para desenvolver un Plan de Incidencia de Múltiples Vítimas (IMV), documento que recolle o procedemento xerarquizado de atención ás vítimas en caso de catástrofe externa co obxecto de desenvolver unha coordinación áxil, e una atención eficaz e resolutiva.

Establece actuacións organizadas polo que o Plan sigue unha metodoloxía perfectamente establecida que se asenta sobre os chamados Manuais de Atención Operativa, individualizados e específicos para cada un dos servizos sanitarios e non sanitarios.

Trátase do primeiro Plan destas características dos hospitais de Galicia, elaborado coa participación de todas as categorías profesionais e coordinado pola Unidade de Calidade e a Dirección de Procesos Asistenciais da EOXI de Vigo.

Integrado en Platerga (Plan Territorial de Emerxencias de Galicia), este Plan da resposta á nova realidade derivada da reordenación da area sanitaria de Vigo.

Seguridade para pacientes e profesionais

Unha IMV caracterízase por presentar unhas necesidades organizativas diferentes ás habituais, debido á imprecisión no seu momento inicial do alcance da mesma; posteriormente se confirmará as necesidades dun requirimento asistencial de alto nivel.

A coordinadora do Plan, a doutora Dolores Zapata, explica que -“trala reordenación da area sanitaria foi necesario o deseño dun plan integral que se adaptase ás novas estruturas que, ademais, coincidiu co accidente do tren de Porriño. Aínda que a actuación sanitaria nese accidente foi impecable e exemplar, veu a refrendar a necesidade de dispoñer dese procedemento, non só para garantir unha xestión eficaz e de calidade ás vítimas e aos seus familiares no caso dunha IMV, senón para aportar seguridade aos profesionais no desenvolvemento das súas tareas, de xeito que quede pouco marxe para a improvisación “-asegura a doutora Zapata.

Así, o Plan naceu coa idea de ser un documento práctico e dinámico dirixido aos profesionais, polo que resultaba fundamental a divulgación do mesmo. De feito, tras a última actualización, hai xa un ano, mantivéronse sesións divulgativas e formativas especificas de cada un dos MAOs incluídos no documento.

Niveis de actuación

O plan establece catro niveis de actuación segundo o número de vítimas. O Nivel 0, abarca ata 10 vítimas; o Nivel I, de 11 a 25; Nivel II, de 26 a 50; e o Nivel III, cando hai máis de 50 vítimas.

O xefe de servizo de Urxencias, Angel Pichel explica -“ademais da referencia cuantitativa, nunha IMV tamén é necesario ter en conta as características da incidencia, porque pode ser unha incidencia con poucas vítimas aínda que moi graves, subsidiarias de tratamentos cirúrxicos e coidados críticos, ou, pola contra, unha catástrofe con moitas vítimas pero que non revistan excesiva gravidade, como aconteceu no Marisquiño”-.

Así, establécese un posto de mando para valorar a dimensión da Incidencia, organizar a distribución do persoal e identificar outras necesidades. O posto de mando é o responsable de adoptar decisións como a de priorizar a atención, optimizar os recursos e valorar a necesidade da cancelación da actividade ordinaria, ou a mobilización de máis recursos humanos, en caso de necesidade.

“Aínda que nesta área sanitaria dispoñemos duns recursos e una estrutura moi dimensionada, con máis de 6000 profesionais, máis dun millar de camas hospitalarias, 116 postos de coidados críticos e 36 quirófanos, o importante nunha IMV é unha correcta coordinación e xestión dos mesmos; e para iso é fundamental que todos e cada un dos profesionais coñeza o seu protocolo de actuación”-afirma a doutora Zapata.

Manual de Actuacións Operativas

Ante unha situación de Incidencia de Múltiples Vítimas (IMV) é necesario dispor dun procedemento xerarquizado de actuación axeitado aos diferentes servizos para que todo o persoal sexa coñecedor da súa función e emprazamento en caso de IMV.

Así, cada servizo conta cun Manual de Actuacións Operativas (MAO) específico, que describe de xeito moi claro a organización e priorización de pacientes e profesionais dependentes do mesmo. Estes Manuais deben ser periodicamente avaliables, revisables e actualizados.

Urxencias

Unha das áreas claves na atención a unha IMV é a de Urxencias. Segundo o xefe deste servizo, Dr. Pichel- “no noso Manual de Actuacións Operativas contémplase un escenario versátil, que se modifica en función das vítimas, destinando dúas zonas diferenciadas de atención, unha para continuar coa Urxencia ordinaria, e outra para a atención especifica ás vítimas da Incidencia. Para isto, o Manual contén un Plano coa distribución das devanditas zonas así como a dos equipos profesionais asignados a cada unha delas. Neste senso, cada profesional coñecerá o seu emprazamento exacto e súa tarefa a desenvolver en caso de IMV”.

Información e Comunicación

Ademais da asistencia, que é o fundamental, o documento contempla tamén aspectos de gran importancia nun acontecemento deste tipo, como a Información e Comunicación facilitada aos familiares e aos medios de comunicación social – acoutando espazos específicos para realizar esta actividade-.

Tamén prevé outros temas loxísticos, como o emprazamento e organización de persoal voluntario, así como as relacións institucionais cos diferentes organismos como o 061, o Centro de Transfusión de Galicia, as forzas de seguridade e orden público, bombeiros, etcétera….