353 estudantes cegos volven ás aulas en Galicia

Un total de 353 estudantes cegos ou con discapacidade visual grave de Galicia regresan nestes días ás aulas e para garantir a súa absoluta normalización, un total de 19 profesoras e profesores encargaranse de ofrecer unha atención educativa individualizada en función das necesidades de cada estudante.

Máis do 99% deste alumnado estuda en centros educativos ordinarios, nos que contan co apoio dos Equipos Específicos de Atención ás persoas con discapacidade visual, froito do convenio de colaboración entre a ONCE e Xunta de Galicia.

Estas 19 profesoras e profesores (13 de ONCE e 6 da Xunta) son os profesionais de referencia ou coordinadores do Plan Individual de Atención Educativa do alumno ou alumna asignado en cada zona, cunha cobertura que arranca co nacemento -cun programa de atención temperá- e segue coa Educación Infantil, Primaria e Secundaria Obrigatoria, Formación Profesional, Bacharelato e Universidade, e mesmo na etapa adulta se se trata de estudos regrados.

Desta maneira, no curso que agora se inicia, 2019/20, a súa actividade dará cobertura a eses 353 estudantes cegos e con discapacidade visual severa de Galicia, entre os que se inclúen os alumnos con sordocegueira ou outras discapacidades asociadas á visual.

Por nivel educativo, repártense da seguinte maneira: 59 escolares comezan a Educación Infantil; 80 están escolarizados en Educación Primaria; 58 chegaron á ESO -Educación Secundaria Obrigatoria-; 19 cursan Bacharelato; 21 prepáranse na Formación Profesional; 49 incorpóranse á Universidade; e 67 están inscritos noutro tipo de ensinos.

O labor dos Equipos Específicos está coordinada desde o Centro de Recursos Educativos (CRE) que a ONCE ten na cidade de Pontevedra.

Intervención integral e individual

A tarefa da profesora ou do profesor consiste en valorar ao alumnado e elaborar unha proposta de intervención aplicada individualmente. Isto require a coordinación con outros profesionais, tanto pertencentes á ONCE (Técnico de Rehabilitación, Instrutor en tiflotecnoloxía e braille, Psicólogo, Pedagogo, Monitor de lecer e tempo libre, Coordinador de Animación Sociocultural e Promoción Deportiva, Traballador Social, e/ou os especialistas nas áreas de especial dificultade como Matemáticas, Música, Educación Física, Ciencias, Tecnoloxía, etc.), como pertencentes á Xunta (orientadores, mestres en pedagoxía terapéutica, titores de aula ou especialistas, etc.).

En función das necesidades do alumnado, a atención prestada pode variar: desde o seguimento, asesoramento e orientación ao Centro Escolar onde se escolariza o estudante, a unha intervención directa co alumnado para garantir a súa inclusión tanto dentro como fose da aula, tanto en aspectos académicos como relacionados co social (recreo, deporte, lecer e tempo libre).

En función das necesidades, o desprazamento aos centros onde se escolariza o alumnado con cegueira ou deficiencia visual é imprescindible para poder levar a cabo as súas actuacións, un labor habitual destes profesionais que se coñecen ás veces como mestres itinerantes, con visitas diarias, semanais, quincenais ou trimestrais, en función das necesidades.

As áreas de intervención son moi diversas e arrancan cos primeiros anos e as instrumentais básicas (alfabetización e ensino do sistema braille) para percorrer o uso da tecnoloxía (adaptada en cada caso), autonomía persoal (orientación e mobilidade), competencia social, axuste á discapacidade, estimulación visual, adaptación de materiais de todo tipo, información e dotación de recursos e materiais, transcrición de textos a braille ou son, etc.

Coas familias

O labor dos profesionais dos Equipos Específicos, froito dos convenios de colaboración entre a ONCE e a Xunta de Galicia, non só desenvólvese co alumnado e os centros onde se matriculan, senón tamén coas familias deste alumnado, prestando información sobre as necesidades e capacidades dos seus fillos e fillas, así como do traballo que se está realizando, achegando os recursos humanos e materiais necesarios para que a inclusión deste alumnado sexa unha realidade, tamén desde casa.

A inclusión do alumnado con cegueira ou discapacidade visual no ámbito escolar é unha realidade na que toda a comunidade educativa está inmersa. Por iso, é necesario que os recursos didácticos e ferramentas tecnolóxicas utilizadas nos centros respecten os principios de accesibilidade e deseño para todos.

2019-09-09 - ONCE libros en relieve

Anuncios