As Concellerías de Servizos Sociais de Baiona e Nigrán estudan realizar programas conxuntos

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // Bibiana Peixoto, concelleira de Servizos Sociais.

As concelleiras responsables de Servizos Sociais dos Concellos de Baiona e Nigrán, Concepción Vara e Bibiana Peixoto respectivamente, mantiveron esta semana unha reunión para comparar a situación de ambos os dous concellos a nivel das súas competencias e así poder programar e realizar programas conxuntos.

Nesta reunión, á hora de expoñer os temas, decatáronse de que os servizos que os usuarios reclaman e as necesidades na súa área son semellantes para ambos os dous municipios. Ademais, coordinaron diferentes accións conxuntas para dar resposta ás problemáticas reais considerando as mesmas de carácter urxente.

Outro dos obxectivos acadados nesta reunión é a celebración periódica de dita cita, na que esperan se poida sumar a concelleira homóloga en Gondomar, Nuria Lameiro, a cal non puido asistir nesta ocasión por problemas de axenda.