
O pasado 9 de novembro de 2021, o DOG nº215 publicaba a instancia do Concello de Gondomar e asinada polo concelleiro de Medio Ambiente, unha listaxe de máis de 4000 leiras de propiedade descoñecida co obxecto de proceder a darlle cumprimento legal, coa preceptiva advertencia previa, á xestión da biomasa existente nas mesmas e á retirada de arborado. En linguaxe do común significa que antes de entrar nas devanditas propiedades (supostamente descoñecidas) a limpar e a cortar as árbores, advírtese vía DOG incluso, do pago polos traballos de limpeza e sancións a que houbera lugar.
“Até aí trátase dos pasos que legalmente recolle a Lei para intervir e limpar. Agora ben, se temos en conta que máis de 4000 propiedades supoñen moitos centos de hectáreas de terreos descoñecidas que haberá que limpar de propiedade, e dado que aparecen todas elas relacionadas coa súas respectivas Referencias Catastrais, as preguntas e as dúbidas que se abren son evidentes: 1ª.- Fíxose algún tipo de xestión por parte do Concello para dar cos propietarios das devanditas leiras?; 2ª.- Se temos en conta que a maioría destas parcelas estiveron pagando o IBI até 2019 (un imposto municipal) por estaren dentro das áreas de tolerancia dos núcleos rurais delimitados que practicamente coinciden coa faixa de protección contras os lumes (a área de tolerancia eran 40 metros de fondo e a faixa de protección son 50 mts), como é posible que seus propietarios sexan descoñecidos?”, sinala Antonio Araújo.
“Pois ben, á vista dos despropósitos que estamos coñecendo de man dos propios afectados pola execución das devanditas “limpezas”, xa que as empresas subcontratadas para a roza seguen ao pé da letra o plano das faixas de protección, chegando a darse o caso disparatado de entrar nalgunhas leiras cultivadas con horta co tractor de cadeas e arrasar un plantío de verzas. Noutros casos son os propios veciños e propietarios “descoñecidos” quen paran a maquinaria para proceder a limpar eles mesmos. Dende Manifesto Miñor denunciamos a pasividade do goberno municipal en canto que non fixo o traballo previo de localización de propietarios enviando as cartas de aviso, preferiron tirar de DOG publicando máis de 4000 leiras como descoñecidas que, como se dixo moitas delas, pagaron até 2019 o IBI”, engade Araújo.
Para Manifesto Miñor, como mínimo o Concello tiña que ter publicado un Bando avisando desta circunstancia e informar parroquia a parroquia da importancia que é ter limpas as leiras e os montes para evitar os lumes do verán, “pois encima de todo está a protección das vivendas, cousa que non fixeron malia ter 7 de 9 concelleiros con dedicación exclusiva”. Por último, reclaman que se faga este labor informativo que aínda están a tempo, “evitando problemas coa veciñanza e probablemente máis dun contencioso contra o Concello”. “A maiores nestas roldas informativas débese facilitar información aos propietarios de como xestionar as biomasas de cada un deles, e incluso facilitar a plantación de frondosas nesas faixas de protección como fixeron no Concello de Tomiño, tendo en conta que estas árbores son o mellor cortalume natural que existe”, conclúe Araújo.