O Vigo-Rías Baixas asina un dobre Top-10 no Teide

Na etapa raíña da Volta á Illa de Tenerife o Vigo-Rías Baixas demostrou este sábado a súa fortaleza como bloque. A estrutura presidida por José Luis Chamorro endureceu a subida ao Observatorio do Teide e dous dos seus corredores clasificáronse entre os dez primeiros. Samuel Blanco obtivo a sexta praza e Sergio Álvarez, a décima.

A terceira xornada da rolda tinerfeña disputouse sobre 46 quilómetros, con saída en La Laguna e chegada en Izaña. Un percorrido tan curto como duro. Samuel Blanco chegou á cita co Teide ocupando a cuarta praza na xeral, tras o terceiro posto asinado polo conxunto flúor o venres na contrarreloxo por equipos e o quinto logrado polo ciclista redondelán no segundo sector dese mesmo día.

Buscando a liña de meta de Izaña, os pupilos de Modesto Pérez realizaron un traballo de desgaste. Jaime Guzmán marcou o ritmo do grupo principal nun tramo da subida final e ao labor do madrileño deulle continuidade o canario Álvarez. Os corredores do Aix en Provence francés, gran dominador desta rolda, marcaron a diferenza nas últimas ramplas e Adriá Moreno impúxose xunto ao seu compañeiro Romain Campistrous. A 40 segundos dos dous primeiros concluíu Blanco, mentres que Álvarez fíxoo a 1:18.

A falta do peche da volta este domingo, con 48 km entre San Andrés e a Ciudad de Los Adelantados, a Blanco correspóndelle a quinta praza da xeral a 1:24 do líder Moreno. Rozando o Top-10 atópase Álvarez, undécimo a 4:50 do líder. O ciclista canario viste a camisola azul como mellor corredor local.

Jaime Guzmán (29º), Alejandro Martínez (30º) e Alejandro de Rozas (32º) son os outros tres representantes do Vigo-Rías Baixas, que aparece terceiro na táboa por equipos.