O Cereixa métese en cuartos de final da Copa Galicia

Triunfo importantísimo que mete ao Coperfi Cereixa Gondomar FS nos cuartos de final da Copa Galicia como un dos 8 mellores equipos da comunidade incluíndo todas as categorías desde Preferente a División de Honra. Outro feito histórico dun grupo de xogadores que só serán conscientes de tales xestas cando o retiro chame ás súas portas.

E é que o local varreu na primeira parte ao campión de terceira nun parcial de 5-1 ao descanso con goles de Luca (2), Borja Dos Santos, Huguito Gonzálvez e Seko. Descanso mediante, e aproveitando o porteiro xogador que plantou o visitante por moitos tramos do partido, o electrónico chegou a situarse en 7-1 deixando a eliminatoria moi encarrilada: Seko novamente e Gabriel Denis Vasconcellos serían os goleadores.

Lonxe de virse abaixo, o visitante seguiu tentándoo e reduciu distancias en poucos minutos con 3 goles que daban emoción aos instantes finais (7-4). Con todo, Esteban Fernández Figueiras encargaríase de ampliar distancias tras empuxar a pracer (8-4). O desconto final deixou o marcador nun 8-5 que foi xusto polo ofrecido por uns e outros.

Desde o equipo agradecen o apoio desde as bancadas e citan aos afeccionados para o próximo paso… cuartos de final, outra vez na “Bombonera” de Gondomar… Vigo FS ou Santiago Futsal… para volver gozar doutro momento histórico do fútbol sala miñorano.

2019-08-31 - IMG-20190831-WA0009

Anuncios