Sin categoría

Baiona limita o estacionamento en Santa Marta para favorecer a rotación

O crecemento exponencial do turismo de autocaravana xa é unha realidade no Val Miñor, ou polo menos así o asegura o inspector xefe da Policía Local de Baiona, Pedro Alonso. Este municipio é o primeiro da comarca en limitar unha zona que pola súa orografía e características convértese nun “carameliño”, como o é a península de Santa Marta, para os visitantes que elixen levar a casa ao lombo, nun intento de potenciar a rotación vehicular prohibindo o estacionamento nocturno. Alonso teno claro e asegura que nos atopamos ante “a punta do iceberg” xa que as medidas adoptadas desde a Real Vila son de xeito evidente insuficientes.

O mando da policía municipal asegura que urxe a creación dunha lei a nivel nacional que regule o uso deste tipo de turismo, no que habería que establecer unha clasificación especial e a partir de aí deseñar normas que axuden a conciliar o uso das autocaravanas co resto de vehículos, “para que non se produzan privilexios para uns e desvantaxes para outros”. Aínda que é certo que hai moitos usuarios que estacionan como outro coche calquera, a realidade é que a maioría quedan nun mesmo sitio “máis que o resto”.

En canto á creación dunha zona específica para casas rodantes, Alonso afirmou que “é unha posibilidade” pero habería que determinar un lugar que non choque frontalmente co desenvolvemento normal do resto de servizos. “Todo é viable e é certo que os autocaravanistas elixen sitios onde poidan desenvolver as súas actividades de maneira tranquila, é dicir, onde poidan exercer o estacionamento ou acampada dunha maneira o máis tranquila posible”, engadiu. Por unha banda a lexislación tampouco o regula, “pero compartir espazos tampouco é que axude demasiado”, explicou.

Limitacións ou prohibicións a parte, o xefe da policía de Baiona advirte que o crecemento que se está rexistrando deste sector “é enorme” e “non é conveniente mirar para outro lado senón que é necesario establecer unhas pautas que regulen a convivencia”.

20190828_131906(0)B