A Xunta acredita que a contaminación do río Muíños procede da rede de pluviais municipal

Os últimos resultados analíticos das mostras de auga tomadas esta semana polos farmacéuticos inspectores de Saúde Pública da Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade en Pontevedra no leito do río que descorre polo areal da Praia América, en Nigrán, continúan a ser desfavorables e novamente revelan a contaminación fecal deste río.

Dado que persiste a contaminación, a Administración Autonómica reitera ao Concello de Nigrán a que sinalice axeitadamente a zona e manteña a recomendación de non bañarse tanto no leito do río que descorre polo areal da Praia América como na desembocadura do río Muiños -40 metros á esquerda e á dereita de dita desembocadura-.

En base á normativa vixente e a este episodio contaminante, Sanidade reitera que o Concello nigranense continúa a incumprir o requirimento que o día 12 de agosto realizaba a Xefatura Territorial de Pontevedra desta Consellería ao Concello, no que se lle instaba a informar axeitadamente á poboación do risco sanitario que supoñía a contaminación fecal do río, sinalizando e acoutando adecuadamente a zona.

Falta de sinalización do leito do río Muiños

A sinalización recomendada ao Concello por parte da Consellería de Sanidade dende o día 12 de agosto, no acceso inmediato para o baño nos meandros do río Muiños que recorren o areal de Praia América, sería a que se reproduce a continuación:

A sinalización que o Concello ten situada no paseo da praia e nos seus accesos, lonxe da zona de baño do río e dificilmente visibles polos bañistas, unicamente prohibe o baño nunha zona de reserva natural, co obxecto de protexer a flora e a fauna.

Ademais a zona de reserva natural delimitada polo Concello -onde nunca se observaron bañistas por parte da inspección farmacéutica- exclúe expresamente a zona de baño que utilizan moitos usuarios, especialmente nenos, tal e como constataron os inspectores farmacéuticos de Saúde Pública, en numerosas ocasións dende o comezo deste episodio.

A sinalización do Concello non cumpre, por tanto, o obxectivo de alertar a poboación do risco sanitario que pode supoñer o baño nunha zona contaminada con microorganismos de orixe intestinal.

A Xunta acredita que a contaminación procede da rede de pluviais municipal

A Xunta de Galicia acreditou con inspeccións e analíticas que a contaminación que afecta ás augas de Praia América, en Nigrán, ten a súa orixe na rede de pluviais municipal e non ten ningunha relación co funcionamento da depuradora, que é correcto.

A raíz dos problemas de calidade das augas detectados pola Consellería de Sanidade en Praia América, técnicos de Augas de Galicia desprazáronse á zona para realizar unha inspección. No río Muíños detectouse unha importante presenza de microbioloxía fecal. Por este motivo inspeccionáronse todos os puntos de vertido existentes, comprobando que un deles, procedente dunha rede de pluviais municipal, amosaba valores moi elevados de microbioloxía fecal.

“O Concello de Nigrán, como titular desa rede, ten a responsabilidade de controlar as posibles conexións irregulares á mesma e subsanar o vertido final, que está afectar á calidade das augas da praia”, sinalan desde a Administración autonómica.

Augas de Galicia comprobou tamén que o funcionamento da depuradora é correcto, tal e como acreditan as analíticas que se realizan de forma periódica na auga procedente do emisario, que mostra unha eliminación practicamente total da carga microbiolóxica.

“Polo tanto, as declaracións do concelleiro de Nigrán cuestionando o funcionamento da depuradora e relacionándoo coa contaminación da praia carecen de todo fundamento. O Concello debe asumir a súa responsabilidade e actuar no marco das súas competencias para emendar os vertidos irregulares”, recordan desde a Xunta.

“En todo caso –continúan-, se o Concello de Nigrán ten dúbidas sobre o funcionamento da depuradora pode asumir a súa xestión a partir do vindeiro ano, unha vez que a Xunta lle comunicou xa o próximo vencemento do actual contrato”.

Cómpre lembrar que, a pesar de que a depuración das augas residuais é unha competencia municipal, Augas de Galicia explota desde o ano 2005 a depuradora de Nigrán, a través dun investimento que supera xa os 8 millóns de euros.

O actual contrato de xestión desa depuradora ten data de vencemento no ano 2020, motivo polo cal a Xunta se dirixiu o pasado mes de xullo ao Concello de Nigrán para comunicarlle que, dado que a instalación é de titularidade municipal e que a responsabilidade legal de xestionala tamén é municipal, debe iniciar o procedemento para asumila. Desa forma, a Xunta deixará de cobrar o coeficiente de vertido que actualmente recada en Nigrán.

En caso contrario, se o Concello quere seguir contando coa axuda da Xunta para xestionar a depuradora, debe de solicitarllo a Augas de Galicia. Polo momento, o Concello, que pon en cuestión o funcionamento da depuradora, non respondeu á comunicación de Augas de Galicia.

Anuncios