Gondomar renova mil contedores e pásase ao formato verde

O goberno municipal de Gondomar substitúe todos os contedores da recollida de Residuos Sólidos Urbanos do municipio por novos de maior capacidade e formato verde, á vez que establece novas localizacións para eles. A súa substitución iniciouse esta semana na que o alcalde, Paco Ferreira, aproveitou para felicitar tanto á empresa concesionaria como ao novo concelleiro de Medio Ambiente e Transición Ecolóxica, Brais Misa, responsable da supervisión do traballo que se está executando.

O Concello de Gondomar sitúase así entre os municipios deste país que están a asumir xa as súas responsabilidades ao redor das políticas de sustentabilidade e implicación en defensa do medio ambiente que establecen as directivas europeas ditadas nesta materia, e que están obrigadas a cumprir o resto de administracións públicas.

Na consecución deste obxectivo, tamén se está realizando a entrega progresiva de composteiros individuais e comunitarios, medida á que se suma a renovación da maquinaria de forma progresiva (coa chegada de novos camións e varredoras), e a futura ampliación do punto limpo, na que se investirán máis de 100.000 euros, a través dunha subvención da Deputación Provincial de Pontevedra.

Paco Ferreira entende que “se cumpre así o compromiso do goberno que presido de dar un xiro de 180 graos en materia de limpeza e converter o noso concello nun referente”. De feito, “a renovación e incremento do número de contedores, era unha das condicións recollidas no prego de adxudicación á nova concesionaria”, aseverou o alcalde.

Ao longo da próxima semana completarase a instalación dos novos contedores, de carga lateral e traseira en todas as parroquias do municipio de Gondomar. A renovación dos contedores virá acompañada por novas rutas deseñadas para primar “a eficiencia e eficacia en canto á recollida, evitando desprazamentos excesivos sen baleirado en eles”.

Anuncios