Sin categoría

O PP de Nigrán alerta do “escurantismo” no proceso do Plan Xeral

O grupo municipal do PP de Nigrán presentou ante o pleno da corporación unha moción para esixirlle ao goberno socialista que entregue toda a documentación oculta no proceso de renovación do Plan Xeral aos partidos da oposición para que poidan facer o seu labor de fiscalizar este traballo e tamén poidan achegar información á veciñanza.

Dita proposta foi aprobada polo executivo local “forzado pola presión, moi razoable e motivada, á que lle estamos sometendo desde o PP e tamén os veciños, que precisan unha información que non teñen”, aseverou a voceira municipal, María José Pino, que agarda que o goberno “cumpra o seu compromiso, nos dea todos os datos e poidamos rematar canto antes este proceso con transparencia e defendendo os intereses xerais de Nigrán”.

Porque o certo é que os populares están alertando do “escurantismo” neste procedemento, posto que o executivo de Juan González “está inmerso nunha voráxine de escusas para non facilitar información, que supón unha absoluta e inadmisible ocultación que nos fai sospeitar que o novo documento urbanístico poida ter cuestións que non estean vencelladas ao ben común de Nigrán, senón máis ben a intereses particulares”.

“Cremos que o alcalde nos está a mentir e a ocultar algo, porque levamos semanas pedindo unha información básica que non nos dá e o tema xa cantaba tanto que tiveron que dicir no pleno que nola van entregar”, manifestou María José Pino, que lembrou que o goberno escudouse que a mesma non figura na páxina web específica do Plan Xeral polo proceso paralelo de dixitalización municipal, “pero aínda que iso sexa certo a cuestión non se sostén porque nola poden entregar nun pen ou disco duro”.

A voceira do PP admite que o novo Plan Xeral “hai que miralo moi ben porque o propio alcalde recoñece que hai cambios substanciais con respecto ao ano 2013”, pero foi clara e, aínda que non hai unha decisión tomada, revelou que o PP de Nigrán “é un partido con vocación de goberno e servizo público, é un partido que representa a alternativa e é responsable e construtivo, polo que en principio apostamos polo Si ao plan, pero non a calquera prezo e sempre que na documentación que falta non aparezan intereses particulares e persoais en vez dos xerais da cidadanía, que son os que nós defendemos”.

Por último, Pino lembrou que os populares teñen aberta a súa sede todos os días laborables en quenda de tarde para atender aos veciños e aportarlles información e agarda “poder ser de máis axuda que ata a data se o goberno cumpre co seu compromiso e nos dá toda a información”.

“Ata agora non estamos contentos con este proceso porque falta moita documentación, porque non se nos convocou a ningunha reunión por parte do goberno nin ao Consello Sectorial e porque nas sete reunións que celebrou polas parroquias, das que asistimos a cinco, o alcalde só dixo vaguedades e vendeu fume, pero agardamos que isto mude desde o pleno de onte”, concluíu a voceira popular.