
A rúa máis cara de Galicia está en Nigrán, chámase rúa dos Pazos e as vivendas nesta zona alcanzan un valor medio de 912.000 euros, ou polo menos isto é o que asegura o informe emitido polo portal inmobiliario “El Idealista”, que recolle unha listaxe das 10 máis prohibitivas de todo o territorio nacional e onde fai ademais unha desagregación por comunidades autónomas.
Este feito leva a pensar a calquera persoa que se podería tratar dunha luxosa avenida con todo tipo de dotacións e servizos pero nada máis lonxe da realidade. O viario carece de beirarrúas, leva á parroquia nigranesa de Camos e principalmente o que hai ao seu redor é monte. Con todo o truco radica en tres impresionantes inmobles que disparan o valor medio de mercado distribuídos en diferentes puntos do trazado da PO-332. Trátase dos pazos de Cea, Touza e Urzáiz, este último á venda por 5,5 millóns de euros. Precisamente este viario leva o nome de rúa dos Pazos pola concentración de casas señoriais e que son archicoñecidas pola celebración de vodas, eventos, festas de verán e concertos.
A pesar de que as cifras desveladas polo Idealista en Nigrán poden parecer moi elevadas, estas están moi por baixo das dez cales máis caras de España xa que a que encabeza a clasificación, a Urbanización Coto Zagaleta no municipio de Benahavís en Málaga ten un valor medio por vivenda de 6.758.900 euros, mentres que a última desta exclusiva lista estaría en Baleares, Calvià, cunha cifra que ascende a 4.690.900 euros. Por contra, o estudo desvela que a comunidade autónoma que concentra o maior número de rúas exclusivas é Madrid, tres direccións e todas elas dentro da urbanización residencial situada en Alcobendas, e non é outra que a Moraleja. O primeiro lugar estaría o Paseo de la Marquesa Viuda de Aldama con 5,7 millóns por inmoble, seguido de Camino Sur con 5,4 millóns e para finalizar Camino Ancho con 5,1.
Volvendo á vivenda en venda de Nigrán o primeiro que chama a atención é a súa extensión, xa que o Pazo de Urzáiz posúe unha superficie útil construída de 1.730 metros cadrados distribuídos en 16 dormitorios, 10 baños, 5 garaxes e unha parcela que rolda as 36 hectáreas de terreo ou o que é o mesmo, o equivalente a 30 campos de fútbol cun valor establecido en 5,5 millóns de euros. As primeiras construcións datan do S. XIV pero o complexo foi obxecto de varias reformas, engadidos e restauracións, a última realizada na década dos 60 por Don Fernando Caicoya de Rato e María Dolores de Urzaiz Benito Cadaval. Na actualidade a vivenda de proporcións descomunais agarda pacientemente a venda por parte dos seus herdeiros.