O Partido Popular de Nigrán, advirte do aumento incontrolado de autocaravanas que literalmente invaden os principais aparcamentos dos areais do municipio durante este verán. O seu portavoz, Carlos Abal, incide en que é de total necesidade que se leve a cabo unha regulación real da situación, “máxime cando existe a ordenanza municipal de convivencia cidadá e ornato público publicada no BOP en xaneiro de 2016 que non se está cumprindo”.
O líder dos populares quere deixar claro que tanto el como o seu grupo non están en contra deste tipo de turismo en primeira liña de praia, e que unha prohibición como tal causaría un agravio comparativo cara aos autocaravanistas xa que verían limitado o seu acceso á zona. “Con todo tampouco é admisible unha trintena de vehículos copen os principais aparcamentos sen ningún tipo de control en detrimento do resto de usuarios”, afirmou o líder dos populares. Abal, pola súa banda, lembrou ao alcalde socialista, Juan González, que o principal punto que se está incumprindo da norma e que afecta máis de cheo ao resto de usuarios de praias é o relativo ao tempo máximo de estadía. “O artigo 24.1 establece claramente que mentres non exista un espazo habilitado para autocaravanas, estas poderán pernoitar e mesmo acampar no espazo público pero que en ningún caso poderán estar máis dunha noite”, explicou Abal. A solución aparentemente é sinxela e pasaría por un control diario de matrículas por zona, “con todo isto nin se cumpre nin se expón por parte do actual goberno local”.
Aínda que si que é certo que a principio de verán o alcalde socialista anunciou a creación dunha zona exclusiva para autocaravanistas, o portavoz do partido popular puxo de manifesto que as instalacións “que nun principio terían que estar xa en funcionamento segundo as noticias publicadas en varios medios de comunicación”, actualmente atópanse paralizadas ao carecer de todo tipo de documentación relativa ao expediente, proxecto ou orzamento, “que habitualmente se reflicte mediante un cartel a pé de obra e o que dá a entender que todo se levou a cabo a dedo e onde calculamos que o gasto efectuado rolda xa os 20.000 euros”. Por último os populares consideran que a zona elixida, no SAU-3, é das menos indicadas para darlle esta utilidade. “Estamos a falar dunha zona residencial no medio dunha urbanización, onde a trasfega de vehículos de dimensións considerables afectaría ao correcto desenvolvemento da vida cotiá dos residentes. Ademais a súa capacidade, 14 prazas, é un tamaño que consideramos de xeito evidente insuficiente xa que nun día e con facilidade pódense xuntar máis de 50 nos aparcamentos de Praia América, Panxón e Patos”, aseverou. No seu lugar expoñen a recolocación do espazo no chan municipal existente no parque empresarial de Porto do Molle. “Aínda que estea un pouco máis afastada de primeira liña, tanto a súa configuración como os accesos ao mesmo farían da zona o espazo máis indicado”, engadiu.
Outro dos puntos anunciados polo alcalde socialista é o relativo á gratuidade de todos os servizos ofrecidos como puntos de conexión a 220 voltios, enchido de tanques ou zonas de baleirado de augas grises e negras. “É unha irresponsabilidade ofrecer todos os servizos sen cobrar un euro, é máis isto non se leva cabo practicamente en ningún espazo do territorio nacional. Con todo propoñemos que se cobre unha tarifa simbólica e non por acampar, se non por facer uso dos servizos”, explicou.
Servizo de Costa e Praia
O PP de Nigrán considera necesaria a creación dun servizo específico de Seguridade de Costa e Praia que vele polo cumprimento das normas básicas de convivencia e civismo, sobre todo en primeira liña xa que en tempada alta é a zona que máis cidadáns concentra. Un modelo posto en práctica en cidades veciñas por exemplo Vigo e que o PP o contempla como moi positivo para o municipio. Carlos Abal mantén que a finalidade principal deste destacamento sería o de “velar polo correcto cumprimento das normas tratando de evitar as sancións na medida do posible”.
Habería que estudar a fondo a totalidade das súas competencias pero ás toas encargaríanse de labores específicos de control para que se coide, por exemplo, do uso correcto das duchas nas praias onde non están permitidos os xabóns. A supervisión da estadía real das autocaravanas en zonas de aparcamento mentres que non se cre unha zona específica para elas mediante un control diario de placas. O aparcamento dos turismos nas zonas designadas para tal fin sen crear prexuízos ao resto de usuarios, ou que se cumpran as normas básicas no paseo marítimo, control de mascotas, etcétera.

